DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o mando de Cristina Otero

O equipo de baloncesto Universidade de Vigo loita polo ascenso

A un só punto do primeiro posto da clasificación

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 28/11/2008

Sete partidos gañados na décima xornada de Liga e o quinto posto na clasificación xeral, a só un punto dos primeiros, son as cifras dun equipo que a comezos de tempada fixaba o seu obxectivo na pelexa pola permanencia e que agora loita polo ascenso. Trátase do Universidade de Vigo, un conxunto que está a desenvolver un gran traballo na categoría senior da Liga Galega de Baloncesto e que se está a reflectir cada xornada no taboleiro.
Un equipo novo, disciplinado e traballador, “cuxa mellor garantía é o talento individual ao servizo do equipo”, sinala a súa adestradora Cristina Otero, “un grupo humilde, unido e ilusionado que non se pon límites” engade.
Esta tempada a competición preséntase como a máis igualada dos últimos cinco anos, “con equipos que forman un bo bloque como o Narón ou o Noia, conxuntos con grandes xogadores como o Tui, outros con boa base defensiva e apuntes individuais como o Mos e Pontevedra e equipos moi dinámicos e loitadores como o Campus Ourense e Porriño”, explica a adestradora.

Un equipo masculino ao mando dunha adestradora

Adestradora Superior de Baloncesto, Cristina Otero conta cunha longa traxectoria de máis de doce anos adestrando a distintos equipos masculinos e femininos, a nivel autonómico e nacional, incorporándose o pasado verán ao Universidade de Vigo onde comparte a dirección técnica con César Álvarez, adestrador axudante e “valor moi importante no traballo diario”, explica Otero. A partir de entón, “comezamos a planificar xuntos o equipo e a pretempada, moi dura e intensa, onde houbo unha boa resposta por parte de todos, acompañada dunha importante carga de traballo tanto no aspecto físico como no técnico”.
A plantilla está composta por once xogadores, alumnos e ex-alumnos da Universidade, con idades comprendidas entre os 19 e 32 anos. A directiva contou con algúns dos xogadores da tempada pasada e fixo tamén importantes fichaxes, entre as que destaca a de Marco Pereira, que está a ser unha das pezas claves na competición, sen esquecer tampouco a Félix López e Rubén Correa, veteranos nesta categoría.
“Un grupo intelectual e de gran calidade humana, onde todos suman e aportan” é como define Cristina Otero ao seu equipo, que admite que “atopou cun conxunto moi receptivo, con talento e gañas de traballar”. E son precisamente o desenvolvemento dunha excelente labor e a existencia dunha boa sintonía os ingredientes para conseguir os grandes resultados ata o de agora rexistrados, encamiñados a acadar o ascenso.
Non obstante, admite que non é todo perfecto debendo dirixir o esforzo para as vindeiras xornadas en “elevar o traballo físico e defensivo, conseguindo así chegar ás mellores condicións no último tramo do ano con enfrontamentos claves”.

A vindeira xornada

Este sábado, ás 19.00 horas, terá lugar o encontro correspondente a úndecima xornada de liga no campo do C.B. Grúas Estación en Padrón. Aínda que semella un partido sinxelo, “o feito de xogar nunha das canchas máis complexas pola presión do público, de ter as baixas de Xoan e Montu no xogo interior e contar coa figura de Cortizo, un experimentado pivot, no equipo rival, engade unha serie de dificultades ao enfrontamento”, sinala a adestradora. Neste senso, a táctica centrarase “en imprimir un alto ritmo de xogo e unha intensidade defensiva que permita mellorar diversos sistemas defensivos”. En definitiva, Padrón é un rival local complicado, cun xogo duro, lento e con pezas de gran envergadura polo que, a priori, non é un desprazamento cómodo.