DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representará á Universidade de Vigo na fase final do torneo académico estatal, que se disputa en Mad

O equipo de balonmán do campus loitará polo Campionato de España

Entre o 6 e 8 de maio medirase aos conxuntos de Alacante, Madrid e León por un posto na final

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 25/04/2014

Todos eles son xogadores experimentados, deportistas federados que compiten con varios clubs de balonmán da provincia na Primeira División Estatal e na Primeira Autonómica. Pero son tamén un grupo de estudantes que intentará por terceira vez que a Universidade de Vigo se proclame campioa de España de balonmán. Nas instalacións da Universidade Politécnica de Madrid disputarase entre o 6 e o 9 de maio a fase final do Campionato de España Universitario de balonmán, ao que acoden os oito mellores equipos universitarios do país, entre os que se atopa o conxunto do campus de Pontevedra, que en 2013 rematou terceiro neste torneo.

Nun ano no que a Universidade non participa nos torneos estatais universitarios de deportes colectivos, o equipo do campus de Pontevedra tense convertido na única excepción “debido aos seus antecedentes”, como apunta o responsable do Servizo de Deportes do campus de Pontevedra, Gustavo Loureiro, que destaca o nivel deste grupo de xogadores que en 2011 e 2013 xa lograra meterse entre os oito mellores equipos universitarios de España. De feito, “o ano pasado, en Puigcerdá non perderon ningún partido e quedaron fóra da final polo gol average, polo que cremos que poden ter opcións”, salienta Loureiro.

Clasificados grazas ao xogo limpo

O equipo que hai anos crearon no campus un grupo de estudantes de diferentes titulacións non tivo este ano rival nas competicións internas, xa que foi o único conxunto que se inscribiu tanto en Pontevedra como nos campus de Vigo e Ourense. Así pois, este grupo de 14 xogadores converteuse de xeito automático no representante da Universidade na final do campionato galego, na que superou sen excesivas complicacións aos conxuntos da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña.

A súa vitoria no torneo autonómico levou a este grupo a viaxar hai unhas semanas a Santander para medirse ao Universidade de Cantabria polo pase ás finais. Alí as cousas xa non foron nada doadas. “Foi un partido complicado, moi igualado e de moita intensidade, no que chegamos empatados ao descanso e empatados ao final”, relata Anxo Otero, xogador, adestrador e delegado do equipo. Mais, a diferenza das competicións federadas, nos torneos universitarios non se busca o desempate nunha prórroga, senón que se dá prioridade ao fair play, premiando deste xeito a aqueles conxuntos que acumulasen ao longo do partido menos faltas, tarxetas e exclusións. Nesta balanza saíu gañando o equipo galego, que en todo momento tivo en conta cal era o primeiro criterio para o desempate. “Coñecíamos o regulamento e estivemos apuntando cada falta para telo en conta. De feito, chegamos ao último minuto gañando de un e, despois de que empataran, xogamos lento a última posesión porque sabíamos que o resultado nos valía e non queríamos arriscarnos a perder o balón”, apunta Otero.

Terceiro asalto ao torneo estatal

Aínda que con algunha incorporación e algunha baixa motivada polo remate dos estudos dos seus compoñentes, este grupo do campus de Pontevedra, que integran xogadores do Balonmán Pontevedra, Cisne, Artai Poio, Seis do Nadal, Lavadores e Frigoríficos do Morrazo, leva xa competindo varios anos nos torneos universitarios. “Somos case todos de Pontevedra, coñecémonos desde hai anos por xogar ao balonmán e o certo é que somos un grupo moi unido”, admite Otero, que a pesares de recoñecer o bo nivel do equipo, prefire non pronunciarse respecto do que acontecerá en Madrid. “A verdade é que ao ser un campionato universitario nunca sabes o que te vas a atopar, porque os equipos varían dependendo de quen poida ir”, apunta. De feito, o equipo que adestra concorre a esta cita con dúas baixas sensibles con respecto ao anterior, as de dous “xogadores importantes” que nesta tempada compiten na División de Honra Plata, “polo que aínda que están inscritos, ao ter ese compromiso cos seus equipos, non poden vir”.

Por iso, Otero avoga por “ir a Madrid a gozar de experiencia” e non poñerse metas de cara a unha competición que iniciarán o martes 6 de maio medíndose á Universidade de Alacante. Nas dúas xornadas seguintes enfrontaranse aos equipos da Politécnica de Madrid e da Universidade de León, cos que comparten grupo de competición. O mellor destes catro equipos obterá o seu pase directo á final, que terá lugar o venres 9 e na que terá que medirse ao gañador do grupo no que se atopan encadradas as universidades de Zaragoza e Granada, a Autónoma de Madrid e a Politécnica de Cataluña.