DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa primeira reunión definiron as pautas básicas de traballo

O Equipo de Dirección do Campus do Mar comeza a definir o Plan de Acción 2011-2012

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/04/2011
Foi nomeado o pasado venres e hoxe reuníronse nun primeiro encontro de traballo. O Equipo de Dirección do Campus do Mar mantivo este luns unha primeira reunión de urxencia na que empezar a determinar o Plan de Acción 2011-2012, un documento que debe ir acompañado da conseguinte proposta orzamentaria que, unha vez elaborada, será avaliada tanto polo ministerio como pola propia Xunta de Galicia.

Con presenza de todos os integrantes, esta primeira reunión, na que foron recibidos polo reitor Salustiano Mato, “serve tamén para establecer a forma de traballo que imos seguir o Equipo de Dirección”, subliñou o director, ata agora comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández Suárez, que explicou que no encontro deste luns se definen “cuestións tan básicas como decidir cando e onde reunirse e como será a toma de decisións”, engadiu.

Xunto a Emilio Fernández, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, forman parte deste Equipo de Dirección un total de seis profesionais de longa traxectoria no ámbito oceanográfico, responsable cada un deles dunha área do Campus do Mar: Investigación, Transferencia, Internacionalización, Docencia e captación de talento, Proxección social e cultura científico tecnolóxica e Xestión.

Investigación, Transferencia e Intercionalización

Ao fronte da Área de investigación, sitúase Francisco Gómez Figueiras, profesor de Investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, un experto cunha longa traxectoria de investigación no ámbito da oceanografía biolóxica, tendo participado en máis de 40 proxectos financiados pola Unión Europea, o Plan Nacional de I+D e a comunidade autónoma de Galicia. El será o responsable da posta en marcha dos 4 clusters de I+D, das novas liñas emerxentes de investigación e do CEDAMA, Centro de Datos do Mar.

Para dirixir a Área de Transferencia, que engloba tamén o fomento da cultura emprendedora e das prácticas profesionais, a persoa elixida é Luis Fernández-Rodríguez, doutor en Bioloxía e profesor titular da Universidade da Coruña e actual xestor do Programa Sectorial de Medio Mariño do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. Ao seu carón, dende a Área de Internacionalización, traballará tamén Alberto González-Garcés, conselleiro técnico do Instituto Español de Oceanografía en Vigo e, en cuxo currículo, destacan cargos como o de director xerente do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR (2007-2009) e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (1987-1989 e 1994-2007).

Captación de talento e proxección social

A catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez é a responsable da Área de Captación de talento. Coordinadora do grupo de investigación en Ecoloxía Mariña da Universidade, un dos grupos de referencia da Xunta de Galicia, foi vicerreitora de Investigación da Universidade. Agora, con este proxecto responsabilízase da selección dos científicos e tecnólogos que poidan apoiar as accións estratéxicas do Campus, así como das cuestións relacionadas coa Escola Internacional de Posgrao.

Procedente da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Victoriano Urgorri é o director da Área de Proxección Social e Cultura Científica. Director da Estación de Bioloxía Mariña de A Graña en Ferrol del dependerán todas as accións transversais destinadas a conectar Campus do Mar co entorno social e achegar o proxecto ao conxunto da sociedade.

Vicexerente de Internacionalización da Universidade de Vigo desde o pasado mes de setembro, Regina Carreira faise cargo da Área de Xestión e dela dependerán a supervisión das tarefas administrativas normais, tales como os aspectos financieiros do proxecto, de recursos humanos e de servizos, pero terá tamén actividades transversais que afectan a todas as áreas e ao proxecto no seu conxunto.