DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita desenvolverase do 7 ao 17 de abril en Marrocos

Un equipo “extraordinario” para representar á Universidade de Vigo no Marathon des Sables

José García-Calvo, Ana Guede e Daniel Diz percorrerán 240 quilómetros polo deserto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 31/03/2017

1200 participantes, arredor de 240 quilómetros a percorrer en etapas diarias dunha media de 40 quilómetros polo deserto do Sáhara. Do 7 ao 17 de abril celébrase en Marrocos a 32 edición do Marathon des Sables, considerada a carreira máis duras do mundo na súa categoría. Por cuarta vez, a Universidade de Vigo participará nesta cita, creada en 1986 polo francés Patrick Bauer, cun equipo propio. Despois de seis meses de duro adestramento, os seus tres compoñentes parten a vindeira semana para vivir esta “aventura” cheos de “ilusión e moitas ganas”.

O Marathon des Sables, explicouse na presentación, é una carreira a pé, por etapas, en autosuficiencia alimenticia e con liberdade de ritmo, realizándose aproximadamente 240 quilómetros, coa obriga cada participante de cargar coa súa equipaxe, formada por comida e material obrigatorio. O equipo da Universidade de Vigo, que conta co patrocinio da Área de Benestar, Saúde e Deporte e a colaboración de Redonet e Intersport Piñeiro, foi presentado este venres no campus de Ourense. “Esta é unha carreira extraordinaria, para xente extraordinaria, do que damos fe, nun lugar extraordinario”, recalcou na presentación Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus, facendo referencia ao lema da competición.

O equipo que representará á Universidade de Vigo está liderado por José García-Calvo, Willy, de 70 anos, coordinador das rutas culturais desta institución académica e promotor das andainas en Galicia. Complétao a médica Ana Guede, de 55 anos, e o fisioterapeuta Daniel Diz, de 45, impedindo unha lesión a participación prevista de Jesús Díaz. De Ana Guede, que participa por terceira vez neste maratón, José García-Calvo salientou que é “unha crack” e o feito de que é unha das só catro mulleres españolas que participarán nesta edición. De Daniel Diz subliñou a súa experiencia en carreiras de ultrafondo. A pesar desta experiencia, Diz afronta o reto como “unha aventura en toda regra” e unha experiencia que “de seguro me vai cambiar”.

Seis meses de preparación física

Sobre a dureza do maratón, ás condicións climáticas típicas do deserto, de máximas de calor moi altas e oscilacións moi grandes entre o día e a noite, o coordinador do equipo destacou as dificultades do terreo. O 20% do percorrido, sinalou José García-Calvo, desenvólvese por dunas, outro 20% por terreo requebraxado e o 60% restante por terreo duro, de pedras soltas e desniveis. A pesar disto, o máis temido, apuntou Ana Guede, “son as ampolas”, que desde o primeiro día fan acto de presenza. Sobre a preparación para esta cita, o líder do grupo indicou como “a preparación psicolóxica xa non fixo falla, porque son persoas coa cabeza moi ben amoblada, co cal centrámonos na preparación física”. Esta preparación consistiu en durante seis meses correr de luns a venres dúas horas diarias, o sábado descanso e o domingo cinco horas, portando unha mochila de tres quilos ao principio e unha de oito nos últimos tres meses. Cada participante no maratón, lembrou, debe prever o seu equipo persoal para a proba. O equipo obrigatorio e os efectos persoais de cada un (comida, material de supervivencia, etc) debe representar un peso total mínimo de 6,5 quilos e un máximo de 15 quilos, sen incluír a cantidade de auga diaria.

Os españois participantes na cita, 4 mulleres e 54 homes, partirán o día 6 de abril de Madrid con destino Casablanca, desde onde serán trasladados á zona ao sur do Sáhara onde se desenvolverá a cita. A carreira terá lugar do 9 ao 14 de abril, celebrándose o día 16 a entrega de galardóns. O reto no caso de García-Calvo é “por suposto gañar na miña categoría”, no caso de Ana Guede rematar e mellorar o posto da súa anterior participación e o no caso de Daniel Diz, que acode por primeira vez á cita, acabar entre os 200 primeiros da xeral.