DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vitoria permitiríalles acadar o segundo posto da táboa e ter opcións ao ascenso

O equipo feminino de baloncesto mídese este sábado ao líder da categoría

O equipo sénior masculino, pola súa banda, enfrontarase ao Cruz Alta e o júnior o Caixanova Rosalía

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 18/03/2010

As xogadoras sénior de baloncesto afrontan este sábado un difícil partido contra as líderes da categoría, as viguesas do Compañía de María. O obxectivo do equipo é conseguir a vitoria xa que un resultado favorable aseguraríalles a segunda praza na táboa de clasificación e, con ela, as opcións á fase de ascenso. O adestrador Roberto Rapela é consciente da dificultade deste novo choque porque, como el mesmo recoñece, vanse enfrontar a un equipo do seu mesmo nivel “e debemos demostrar que podemos competir con elas, que podemos estar á súa mesma altura”, declara. O encontro será ás 16.00 horas no Pavillón Universitario. Na actualidade, o Universitario Campus Ourense ocupa a terceira posición da táboa. O cadro líder é o Compañía de María seguido do CB Allariz, equipo que derrotou ás xogadoras ourensás a pasada fin de semana por tan só dous puntos de diferenza.

O Cruz Alta, novo rival para os xogadores sénior

O equipo de baloncesto masculino, pola súa banda, xoga este domingo no Pavillón Universitario contra o Cruz Alta. O cadro afronta este novo partido, previsto para as 18.30 horas, coa tranquilidade de ter asegurada a segunda praza da táboa da clasificación despois de derrotar ao Seis do Nadal a pasada fin de semana por unha diferenza de 11 puntos. Con estes datos o adestrador Javier Pérez recoñece que vai ser un enfrontamento “un pouco deslucido porque ningún dos dous equipos nos xogamos nada” e revela que van aproveitar o encontro “para traballar algúns aspectos do xogo e preparar así a fase de ascenso”. O líder da categoría é na actualidade o CB Tui seguido polo Universitario Campus Ourense e polo CB Allariz xa na terceira posición.

Os xogadores júnior reciben ao Rosalía de Santiago

Pola súa banda, os xogadores júnior de baloncesto xogan este domingo no Pavillón Universitario contra o Caixanova Rosalía de Santiago. O adestrador Miguel González prevé que este novo enfrontamento, previsto para as 12.00 horas, vai ser un “partido moi igualado”. “O cadro rival está a unha vitoria na clasificación e neste encontro xógase moitas posibilidades de clasificarse na terceira posición”, declara. O Campus Ourense Blanco Amor ocupa na actualidade a sétima posición na táboa, sendo líder o Marín seguido polo Maristas e o Estudiantes.