DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aínda sen o apoio de patrocinadores

O equipo feminino de rugby e os xuvenís debutan na Liga este sábado

O equipo B recibe ao CRAT B e descanso para a División de Honra B

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 31/10/2008

O equipo xuvenil de rugby da Universidade de Vigo comeza a competición este sábado. Son os máis madrugadores e farano ás 10.45 horas no campo da Universidade, enfrontándose a un complicado rival, o CRAT de A Coruña, contra os que loitarán para que a estrea na casa resulte vitoriosa.
Pola súa parte, a Liga de rugby feminino, caracterizada esta tempada pola súa corta duración, tamén bota a andar esta fin de semana. O sábado ás 12.00 horas no campo de Barcia en Vilatuxe, o equipo da Universidade disputará o seu primeiro encontro fronte ao Lalín, un equipo cun xogo de dianteira moi duro e constante, polo que as rapazas de Vigo non deberán desaproveitar o seu potencial da liña 3/4. Ademais, o conxunto vigués, que segue dirixido por Iván Martínez e Josemari, conta con novas incorporacións como son algunhas xogadoras do Mareantes de Pontevedra, equipo que finalmente non se inscribiu na Liga. Engadido a isto non hai que esquecer a excelente pretempada, coa vitoria fronte ao Oporto deixando moi boas sensacións. Por todo isto, a expectativa deste ano é chegar a ser a alternativa ao Universidade de A Coruña e poder disputar o Campionato de España.

Calendario para o primeiro equipo e o de categoría B

Despois da derrota a pasada fin de semana contra o Durango, o equipo de División de Honra B fará unha pausa no seu calendario deportivo ata o vindeiro 15 de novembro, que xogará na casa diante do Gernika.
O equipo B, que ven de estrearse na Liga cunha contundente vitoria fronte ao Ferrol, tocaralle a vez ao rematar os xuvenís, ás 12.00 horas do sábado recibirá ao CRAT B.

Falta de apoio económico

Ao tempo que se produce o debut dos diferentes equipos nas respectivas ligas, non se pode esquecer a delicada situación económica pola que está a atravesar o Club e para a que xa se atoparon algunhas solucións, como é o patrocinio do equipo que milita na División de Honra B, o cadete e o infantil. Non é así o caso do conxunto feminino, para o cal tanto dende o Club como dende a Universidade faise un chamamento á necesidade de prestarlle un apoio específico “porque activar a presenza de mulleres, sobre todo no deporte de competición é un dos eixos estratéxicos da política do Servizo de Deportes da Universidade”, expoñía no seu momento a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes María del Carmen Cabeza.