DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta fin de semana no Campionato de España Feminino da categoría B que se celebrará en Zaragoza

O equipo feminino de tenis loitará pola permanencia e o ascenso á primeira categoría

Enfrontaranse na primeira xornada ao Stadium Casablanca nun encontro “moi complicado”

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 23/09/2010

O equipo feminino de tenis Universidade de Vigo, representado polas xogadoras Andrea Retolaza, Patricia Vilas, Julia Carballal e Marta Saburido, viaxará esta fin de semana a Zaragoza para participar no Campionato de España Feminino da categoría B, a segunda división do tenis español, onde loitará pola permanencia e tamén se esforzará por obter o ascenso á primeira categoría.

As universitarias enfrontaranse o sábado en eliminatoria ao Stadium Casablanca nun encontro cualificado como “moi complicado” polo capitán do equipo vigués, Jorge Comesaña. “Todos os equipos contan con xogadoras de alto nivel, moitas delas por baixo do posto 50 no ránking nacional e no caso do Stadium Casablanca atoparemos dúas rivais moi duras, entre elas a promesa do tenis Maite Gabarrús” comenta Comesaña. Pese á dificultade do primeiro partido, tanto o adestrador como as xogadoras da Universidade de Vigo teñen moi boas expectativas “e sobre todo moitas gañas de xogar e de gañar. Están moi motivadas” afirma o capitán.

A segunda xornada, segundo o resultado obtido polo resto de equipos, as tenistas viguesas veranse as caras co vencedor ou perdedor da eliminatoria paralela, na que se enfrontan o Club Español de Tenis e o AD San Juan.

Loita pola permanencia e polo ascenso a 1ª Nacional

As xogadoras da Universidade de Vigo irán a por todas para loitar pola permanencia, xa que se teñen a oportunidade de gañar un dos dous encontros, o equipo vigués mantería a categoría de 2ª. No caso de obter a vitoria na final, as tenistas viguesas ascenderían directamente á categoría A, mentres que se o equipo se clasifica en segundo lugar pasaría a xogar a promoción para subir á primeira categoría.

Para conseguir estes obxectivos, Jorge Comesaña ten as esperanzas depositadas en Julia Carballal, Andrea Retolaza e Patricia Vilas, “posto que as tres teñen un moi bo nivel e moi boas condicións para acadar a victoria” indica. “Con tan só 16 anos, Andrea está a dar moi bos resultados e no caso de Patricia, foi número un de Galicia durante varios anos e confío moito nas súas aptitudes para poder gañar” engade Comesaña.