DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo da visita é aproximar as diferentes vicerreitorías ao campus

O equipo de goberno reúnese por primeira vez en Ourense

A iniciativa está previsto que teña continuidade en Pontevedra

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 21/11/2011

Cada semana no campus de Vigo o equipo de goberno da Universidade reúnese para traballar e avanzar nos asuntos de gobernanza da institución e na actividade das súas diferentes vicerreitorías. Este luns esta cita trasladouse por un día a un escenario diferente, o campus de Ourense. Por primeira vez na súa historia, o órgano executivo da Universidade de Vigo saíu da súa sede habitual e visitou Ourense para que as diferentes áreas de goberno se poidan aproximar e estar máis presentes no día a día do campus ourensán. Unha iniciativa que está previsto que teña continuidade no campus de Pontevedra.

A reunión, presidida por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; José Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación; Margarita Estévez, vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións; María Asunción Longo, vicerreitora de Investigación; José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento; Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade; Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria; Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra; Inmaculada Valeije, secretaria xeral, e Ana Graña, comisionada para a coordinación interna.

“Aínda que a súa sé habitual é Vigo por unha cuestión operativa, o goberno da Universidade de Vigo é de todos os campus do sur de Galicia e coa presenza de practicamente todo o equipo de goberno en Ourense queremos que todas as áreas se aproximen a este campus, que cada vez estean máis presentes no seu día a día”, destacou Salustiano Mato. O reitor quixo salientar que a celebración desta reunión en Ourense terá continuidade no campus de Pontevedra, co obxectivo último de estreitar os lazos e a presenza das diferentes vicerreitorías da Universidade de Vigo e do seu goberno en conxunto.

II Xornadas do Estudantado Galego

Salustiano Mato aproveitou a visita ao campus de Ourense para participar ademais na inauguración das II Xornadas do Estudantado Galego, onde estivo acompañado por María Lameiras; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Iago Gómez, último responsable dos Comités Abertos do campus de Ourense. As xornadas, organizadas polos Comités Abertos, celébranse do 21 ao 30 de novembro e contan con conferencias, música e proxeccións para afondar en temas como a emigración galega a América, os xogos populares, a música tradicional e o papel da muller nos conflitos bélicos.

“Son unha xornadas feitas por e para os estudantes, unhas xornadas formativas pero sobre todo alternativas, que queren dar voz a outro tipo de debates e opinións que non teñen espazo nos medios de comunicación tradicionais”, destacou Iago Gómez durante a súa inauguración. “Para esta Universidade é fundamental que o estudantado se organice, se reúna, reflexione e esperte a súa conciencia, para que ao mesmo tempo que se forme saiba a onde se dirixe e cal debe ser o seu papel”, engadiu o reitor da Universidade de Vigo durante a apertura das xornadas. Por este motivo, Mato apuntou que desde a institución que dirixe se vai a impulsar de maneira decidida o diálogo e a representación do alumnado.