DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A revista 'Science' recolle os resultados acadados no xacemento etíope de Melka Kunture

Un equipo internacional codirixido desde a UVigo identifica os restos de Homo erectus máis antigos, que modifican a cronoloxía da evolución humana

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai 2 millóns de anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 12/10/2023

Un equipo internacional multidisciplinar liderado por Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Margherita Mussi (Universidade La Sapienza de Roma) acaba de presentar os restos máis antigos coñecidos ata o momento da especie Homo erectus: o fragmento mandibular dun individuo infantil, ao que denominan Garba. Os restos foron atopados anos atrás no xacemento de Melka Kunture (Etiopía) pero non foi ata o de agora que se identificaron como da especie Homo erectus. A súa datación adianta a aparición do Homo erectus e da tecnoloxía achelense a hai dous millóns de anos. A investigación foi publicada este xoves na revista Science no artigo Early Homo erectus lived at high altitudes and produced both Oldowan and Acheulean tools.

“Estes resultados supoñen un envorco no panorama da evolución humana a nivel mundial, xa que se adianta a aparición do Homo erectus, considerado como a primeira forma de homínido de trazos plenamente ‘humanos’, a hai 2,06 millóns de anos e a orixe da tecnoloxía achelense a hai 1,95 millóns de anos”, explica o arqueólogo da UVigo, que é membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense. Ata o de agora, detalla, aínda que se tiña atopado algún resto fósil non había elementos diagnósticos que puidesen datar con precisión a aparición do Homo erectus en África e sinalábase que debería estar sobre hai 1,8 millóns de anos. Coa aparición dos restos dentais de Garba, sinala Eduardo Méndez, disponse xa dun elemento de diagnose que “permite por primeira vez poder establecer a antigüidade máxima dos Homo erectus en África en hai 2,06 millóns de anos”. A investigación realizada tamén destaca segundo os seus responsables porque permite hipotizar sobre como, entre os diferentes tipos de homínidos localizados no continente africano, este Homo erectus, que se desenvolveu "no frío altiplano etíope e non no cálido val do Rift", foi o que logo deu o salto a fóra de África pois estaba xa adaptado ás condicións climáticas frías dos novos territorios.

Análise dun fragmento mandibular

Melka Kunture atópase ás beiras do río Awash, entre os 2000-2200 metros sobre o nivel do mar. Segundo explican os autores da investigación, a súa secuencia sedimentaria recoñecida abarca uns dous millóns de anos e conserva xacementos arqueolóxicos característicos dos tecnocomplexos Olduvaiense, Achelense e Middle Stone Age. Esta circunstancia converte este enclave nunha das principais secuencias do continente africano para entender a evolución cultural dos últimos dous millóns de anos. A investigación deste xacemento lévase realizando desde 1963 e actualmente desenvólvese baixo a Italo-Spanish Archaeological Mission at Melka Kunture and Balchit, coa dirección de Margherita Mussi, Eduardo Méndez e Joaquín Panera (Universidad Complutense de Madrid).

Un dos principais enclaves de Melka Kunture é o xacemento de Garba IV, escavado en diferentes épocas e extensión e que ten achegado un cuantioso conxunto de ferramentas de pedra, ósos de grandes mamíferos e restos humanos. Segundo indican os investigadores, a idade destes niveis foi establecida pola combinación de datacións numéricas Argón/Argón (40Ar/39Ar) de tobas volcánicas e paleomagnéticas. Concretamente, detallan, sobre os niveis principais do xacemento identificouse o evento paleomagnético de Olduvai (datado a escala global entre 1,95–1,77 millóns de anos) e isto permite situar a súa cronoloxía nuns dous millóns de anos. Nun dos niveis máis profundos deste xacemento (nivel E), datado en 2,06 millóns de anos, foi onde se localizou o fragmento mandibular de Garba, un individuo infantil de 2-3 anos de idade ao que o equipo investigador, a falta de datos para coñecer o seu sexo, prefire referirse como nena. “O fragmento mandibular de Garba conserva no exterior dous dentes de leite, pero estes, ao non ser definitivos, son pouco representativos para a identificación a nivel de especie. Os dentes definitivos e, por tanto máis significativos, estaban no interior do óso”, explica Eduardo Méndez. Para coñecer as súas características, a mandíbula foi analizada no European Synchrotron Radiation Facility, de Grenoble (Francia). “Os datos obtidos para os dentes definitivos son moi significativos: confirman a adscrición de Garba ao taxón de Homo erectus e convérteno no exemplar máis antigo do rexistro paleoantropolóxico mundial”, afirma o arqueólogo da UVigo.

Expansión fóra de África e tecnoloxía achelense

O Homo erectus, lembra Eduardo Méndez, pódese considerar como a primeira forma de homínido de trazos plenamente ‘humanos’. “A aparición na escena evolutiva deste taxon supuxo unha aceleración substancial no proceso de difusión das poboacións humanas dentro e fóra de África e, por tanto, é a primeira especie humana que sae do continente africano, hai algo máis de 1,8 millóns de anos”, sinala. A data e a zona de África na que se desenvolve inicialmente este taxon, engade, estaba en discusión pois estimábase que a súa aparición inicial roldaría os 1,9-1,8 millóns de anos, pero non estaba definitivamente establecida. As condicións físicas máis desenvolvidas dos Homo erectus (en comparación a outros exemplares iniciais do xénero Homo, como os Homo habilis) permítelles, segundo detalla o investigador, implementar novas e máis sofisticadas solucións tecnolóxicas, entre as que destacan a invención da tecnoloxía achelense e a capacidade para utilizar o lume.

Esta tecnoloxía achelense, comenta Eduardo Méndez, “é o nome que atribuímos ás ferramentas de pedra que empezaron a utilizar os Homo erectus africanos e que acabaría expandindose a case todo o mundo. Caracterízase pola fabricación de grandes lascas, a partir das cales se tallaban ferramentas máis complexas, como os bifaces (pezas traballadas bifacialmente e con forma de améndoa)”. A aparición desta tecnoloxía achelense estaba establecida cara os 1,8-1,7 millóns de anos nalgúns xacementos do fondo do val do Rift e en base a estes datos, esta nova tecnoloxía iríase expandindo progresivamente polo resto do continente africano, para posteriormente dar o salto a Eurasia. “Os novos datos obtidos no xacemento de Garba IV mostran que os primeiros Homo erectus utilizan unha tecnoloxía máis elemental (núcleos e lascas), que denominamos Olduvayense. Agora ben, ‘inmediatamente’ cara os 1,95 millóns de anos empezan a fabricar a nova tecnoloxía achelense. Isto supón un adianto de case 300.000 anos na aparición desta tecnoloxía a escala mundial e nun ámbito xeográfico inesperado”, subliña Méndez Quintas.

Os datos fornecidos polo xacemento de Garba IV e recollidos no artigo publicado en Science, sinala o equipo investigador, “fan reformularnos algunhas ideas preestablecidas sobre a aparición do xénero Homo a escala africana”. A primeira e fundamental, apunta Eduardo Méndez, é que “a aparición do taxón de Homo erectus non está relacionada cos ecosistemas cálidos e abertos da sabana, senón que ten a súa orixe nunha contorna tépeda e nun ecosistema máis diversificado, como o que observamos no altiplano etíope. Por tanto, sería desde aquí que esta especie irradiaría ao resto do continente”. A xénese de Homo erectus nun ecosistema tépedo é un dato, recalca, relevante para entender a súa exitosa expansión fóra de África. “A súa rápida difusión sobre estas novas áreas xeográficas viuse favorecida pola similitude entre estes novos escenarios ecolóxicos e os existentes en altiplano africano. Neste senso, podemos concibir esta rexión africana como un 'laboratorio' onde se xestou un novo taxón humano adaptado ás condicións tépedas euroasiáticas”, afirman desde o equipo investigador.

Na actualidade as investigacións nos xacementos de Melka Kunture están soportadas polas achegas de entidades estatais e internacionais. Entre elas destacan a fundación PALARQ, Leakey Foundation e a Xunta de Galicia, mediante o seu programa de formación posdoctoral nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).