DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cadro sénior, pola súa banda, viaxará ao Grove para xogar contra O Meco Santo Ángel

O equipo júnior de baloncesto tentará conseguir a vitoria contra o Maristas

Na fin de semana haberá tamén partidos de rugby e de baloncesto sénior feminino

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 22/01/2010

O equipo júnior masculino de baloncesto xoga este sábado o último partido da primeira volta da liga contra o Maristas de Vigo. Os xogadores asumen este novo encontro tras a vitoria acadada a pasada fin de semana contra o Estudiantes de Lugo ao que gañaron por máis de dez puntos de diferenza (74-63). O novo rival do equipo, o Maristas de Vigo, foi durante semanas o líder da táboa de clasificación e conta cun bo número de vitorias no seu peto, unha realidade que motiva que o adestrador dos xogadores ourensáns, Miguel González, o defina como “un rival moi forte que vai esixir un gran esforzo pola nosa parte para conseguir a vitoria”. Cando estamos a metade da liga o balance do adestrador é “moi positivo” porque, segundo explica, “gañamos todos os encontros como locais o que nos coloca nunha boa posición na táboa de clasificación, entre os postos cuarto e sétimo”. O obxectivo agora é conseguir unha vitoria fóra da casa “o que nos permitiría ter máis opcións de subir na clasificación”.

O Meco Santo Ángel, para os xogadores sénior

O cadro sénior masculino de baloncesto, pola súa banda, viaxa este sábado ao Grove para xogar contra o equipo local, O Meco Santo Ángel. Na actualidade, o Universitario Campus Ourense ocupa o primeiro posto da táboa de clasificación despois de derrotar ao CB Tui a pasada fin de semana por 15 puntos de diferenza (70-55). Con todo o adestrador Javier Pérez asegura que nesta segunda volta da liga todos os partidos van ser moi complicados. Segundo explica, “somos os líderes da categoría e imos ter que demostrar ese liderazgo fronte a rivais moi motivados”. Polo que respecta ao novo rival, O Meco Santo Ángel, o adestrador defíneo como “un equipo moi complicado, moi agresivo e moi intenso”. Javier Pérez recoñece que, a pesares da fortaleza do equipo rival, a dinámica dos xogadores ourensáns é a mellor posible porque están moi motivados. “Somos conscientes da dificultade do encontro pero temos que asumir que neste momento somos os favoritos”, declara.

O equipo de rugby xoga na casa

Os xogadores de rugby xogan este sábado contra o asturiano club do Cowper RC. O partido terá lugar este sábado no campo de Monterrei. No partido de ida disputado en Oviedo o Cowper RC impúxose aos ourensáns nun duro encontro por iso e segundo explica Abraham Martínez, xogador do equipo, “este sábado tentaremos parar a mala racha de resultados gañando contra o que é ademais un rival directo na táboa de clasificación”. Para este encontro o adestrador poderá contar cos xogadores Tonecho e Santi, que foron baixa os dous últimos partidos. Serán baixa, pola contra, Agui e Seo. Este partido vai ser o último que xoga o equipo na casa este ano.

Regreso das xogadoras sénior de baloncesto

E partido tamén para o equipo sénior feminino de baloncesto que regresa á competición tras o descanso de Nadal para xogar este sábado contra as xogadoras do Compañía de María. O cadro ourensán ocupa nestes momentos a primeira posición da táboa de clasificación despois de derrotar ao CB Allariz no último partido disputado en decembro, ao que venceron por case corenta puntos de diferenza (15-54).