DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse na cidade lusa de Coimbra do 19 ao 24 deste mes de xullo

O equipo de piragüismo da Universidade participará nos European Universities Games

Con dúas padexeiras e cinco padexeiros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
M. Del Río DUVI 16/07/2018

As dúas últimas semanas de xullo a cidade de Coimbra será o epicentro do deporte universitario europeo coa celebración do maior evento multideportivo organizado en Portugal, European Universities Games. En total agárdase a participación de 4000 atletas de 40 países, que representarán a 350 universidades en 13 modalidades deportivas. Entre todas elas, a Universidade de Vigo competirá en piragüismo nesta cita europea cun equipo de dúas mozas (Carla Sieiro e Raquel Da Costa) e cinco mozos (Aarón Diéguez, Iago Monteagudo, Alexandre Castro, David Novas e Yeray García).

Juan Pardo, técnico da Federación Galega de Piragüismo, e adestrador deste combinado, explica que a idea de participar nesta competición xurdiu dos propios deportistas e estudantes, “que quixeron involucrarse nisto” co apoio da Universidade e da Federación Galega. A competición combina unha serie de probas de carácter mixto, “dando notable importancia a un cambio que parece que en non moito tardar se irá impoñendo noutras modalidades”, subliña o adestrador.

O reto das probas mixtas

Pardo explica que esta competición é nova para todos e, de feito, a asistencia é consecuencia dun “pequeno acordo entre a Universidade de Vigo e a federación”. Trátase dunha cita que ten “moitas peculiaridades que non son usuais noutras competicións deste carácter”, principalmente as probas mixtas, que non só combinan en k2 senón tamén relevos de 300m para homes e 200m para mulleres tanto en C1 como en K1. Porén, Pardo adianta que estas novidades no desenvolvemento das probas “non serán impedimento para que se realice o mellor papel posible”.

Atendendo ás expectativas e aos rivais, o adestrador recalca que o feito de tratarse dunha proba con tantas novidades, “deixa moi aberta a competición, non somos coñecedores de cal será o nivel do resto de participantes, xa que a composición das parellas e as súas distintas combinacións deixaría de calquera das maneiras un resultado aberto”.

Compaxinar deporte e estudos

Alexandre Castro, Carla Sieiro e David Novas estudan Ciencias da Actividade Física e do Deporte, mentres que Raquel Da Costa e Iago Monteagudo cursan Fisioterapia, Yeray García  o grao en Enxeñaría Mecánica e Aarón Diéguez, Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Para todos eles compaxinar a faceta deportiva de alto nivel e a vida académica é un reto. O adestrador recoñece que “aínda que pareza mentira e, a pesar das axudas institucionais, é complicado para os deportistas compaxinar ambos compromisos e intentar render a un alto nivel”, pero ese esforzo é tamén unha mostra “máis ca evidente do seu compromiso”. 

O adestrador resalta de todos eles a súa “experiencia sobrada en competición e o resultado seguro será o reflexo do esforzo e traballo, tanto seu como dos seus adestradores durante a temporada”. Neste sentido, Pardo lembra que algún dos padexeiros contan cun “gran palmarés deportivo” e están actualmente pelexando nos selectivos nacionais, aspirando a tomar parte das competicións máis relevantes deste deporte, como os campionatos de España, de Europa ou do mundo. De feito, todos son finalistas nacionais, algúns medallistas e mesmo contan con experiencia internacional en categoría Junior ou Sub23. Por exemplo, resalta o adestrador, do 28 de xuño ao 1 de xullo celebrouse o Campionato de Europa en Auronzo, Italia, no que Carla Sieiro e Raquel Dacosta foron sétimas no C2 500 sub 23 e quintas na final curta de 200 metros. Nesta competición tamén participou Iago Monteagudo, no K4 500m sub23. Pola súa banda, Aarón Diéguez competiu no Campionato de Europa de maratón en Croacia na primeira semana deste mes, onde rematou en sexto lugar en K-1 sub-23.