DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cadro sénior de baloncesto xogará contra o Vilagarcía nun partido que pode ser decisivo

O equipo de rugby buscará a vitoria contra o Lalín para escapar dos últimos postos

O Seis do Nadal Coia será o cadro rival das xogadoras de baloncesto nesta fin de semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 27/11/2009

O Lalín RC vai ser o rival do equipo de rugby do campus no partido deste sábado en Monterrei, no derradeiro encontro dos ourensáns na primeira volta da liga. O cadro sénior masculino de baloncesto, pola súa banda, xogará esta fin de semana contra o Liceo Casino de Vilagarcía, e o cadro júnior enfrontarase ao Cidade de Lugo. Polo que respecta ao equipo feminino de baloncesto, xogará contra o Seis do Nadal Coia.

O equipo de rugby tentará deixar os postos baixos

O equipo de rugby enfróntase este sábado ao Lalín RC ás catro da tarde en Monterrei, no que será o derradeiro encontro dos ourensáns na primeira volta da liga. O Campus precisa a vitoria para escapar dos postos de cola da táboa, nos que se viu máis afundido despois da derrota da semana pasada fronte a Os Ingleses RC.
Na actualidade, o Lalín Coreti ocupa a cuarta praza na táboa de clasificación con cinco puntos máis que os ourensáns e cunha bagaxe de dúas vitorias e tres derrotas. Por iso, e ante este difícil encontro, a directiva e os xogadores do Campus Universitario de Ourense animan a todos os seareiros a que se acheguen ás instalacións de Monterrei o sábado para animar ao equipo.

O Liceo Casino de Vilagarcía, un rival “moi duro que nos pode facer moito dano”

O cadro sénior masculino de baloncesto, pola súa banda, xogará este sábado contra o Liceo Casino de Vilagarcía, un equipo que o adestrador ourensán Javier Pérez define como “un rival moi duro, moi físico, moi alto, que nos pode facer moito dano”. O equipo atópase nunha moi boa racha na liga, xa que leva cinco vitorias seguidas e ocupa o segundo lugar na táboa de clasificación por detrás do CB Tui. Con todo, o adestrador subliña a importancia deste encontro xa que, segundo a súa opinión, “o resultado pode ser un punto de inflexión na liga. Se o perdemos, o equipo contrario pode ter opcións aos primeiros postos da táboa; pola contra, se gañamos, seguiremos arriba na clasificación”, explica. Porén, Javier Pérez recoñece que están “moi animados porque cinco vitorias seguidas é unha moi boa racha”, e aposta “por aproveitar ese bo estado mental para afrontar grandes retos, como é gañar o partido deste sábado”. O encontro terá lugar ás cinco da tarde en Vilagarcía.
No que repecta ao cadro júnior masculino de baloncesto, o Cidade de Lugo vai ser o rival desta fin de semana. O equipo afronta o encontro trala derrota contra o Peleteiro, ante o que acadou un resultado de 97-63. Na actualidade, o Campus Ourense Blanco Amor ocupa o sétimo lugar na táboa de clasificación. O líder é o Marín Peixe Galego, seguido polo Caixanova Rosalía e polo BCA na segunda e terceira posición, respectivamente.
O equipo feminino de baloncesto, pola súa banda, xoga este domingo contra o Seis do Nadal Coia. E faino animado pola vitoria contundente da pasada fin de semana contra as viguesas do Área Complexo Deportivo, ás que derrotaron por máis de corenta puntos de diferenza (87-45). Roberto Rapela, adestrador do equipo, revela que este próximo partido “pode ser relativamente fácil”, pero apela á precaución “para tentar gañar”. Na actualidade, o cadro ourensán ocupa o primeiro lugar da táboa, seguido polo CB Baiona e polo Seis do Nadal Coia.