DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na segunda xornada de competición gañou ao Oviedo por 55-14

O equipo de rugby do campus consegue na casa a súa primeira vitoria desta tempada

As xogadoras de fútbol gaélico do Auriense participaron en Irlanda nun torneo internacional

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 25/09/2017

O Campus Universitario Ourense Coosur acadou esta fin de semana a súa primeira vitoria da tempada na División de Honra B do rugby estatal. Os xogadores que dirixe David Monreal gañaron por un contundente 55-14 ao Oviedo Rugby nas instalacións universitaria ourensás. Con este marcador, o equipo resárcese da derrota vivida ante o Durango na primeira xornada de competición. Ademais deste encontro, a fin de semana no campus estivo marcada no eido deportivo pola celebración do Rally Ourense-Ribeira Sacra, que tivo o seu centro de encontro nas instalacións universitarias, e pola participación das xogadoras de fútbol gaélico nun torneo internacional en Irlanda.

O partido entre o Campus Universitario Ourense Coosur e o Oviedo, explican desde o club ourensán, arrancou moi forte para o equipo universitario, que pasada a primeira media hora de encontro xa gozaba dun claro marcador de 33-0 ao que os xogadores do Oviedo só se puideron achegar con dous ensaios antes do descanso aproveitando unha superioridade numérica. O bo xogo e resultados, sinalan, mantivéronse na segunda metade, rematando o encontro cun marcador final de 55-14. A vitoria dos ourensáns estivo dedicada ao xogador do equipo Magui, hospitalizado por enfermidade, ao que os compañeiros do Campus Universitario Ourense Coosur quixeron dar azos levando camisetas coa súa imaxe e mensaxes de ánimo.

Outras citas deportivas

Xa en fútbol gaélico, dende o xoves 21 unha representación do Auriense feminino de fútbol gaélico desprazouse ao berce deste deporte, a Irlanda, para participar nun torneo que se celebrou durante toda a fin de semana en Dublín co gallo da disputa do All Ireland 7's. “As nosas rapazas xogaron dentro dun combinado europeo xunto con outras xogadoras galegas e doutros países de Europa, coma Alemaña. Unha experiencia internacional que precede ao comezo de liga. Outro fito para o conxunto ourensá de fútbol gaélico”, destacou Millán Brea en nome do club.

Por último, a gran cita deportiva desta fin de semana en Ourense foi a celebración da sexta edición do Rally Ourense-Ribeira Sacra. Nel, o campus de Ourense estivo chamado a ser o punto de encontro, xa que nel se instalou a zona de saída e chegada da competición, ademais do parque pechado, o parque de traballo dos participantes e a dirección da carreira. A competición, que contou con 148 inscritos, foi gañada polo piloto do Tommi Mäkinen Racing Hiroki Arai, seguido por Iago Caamaño, que foi segundo, e Alberto Meira, que rematou terceiro.