DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Universitario Ourense Coosur pecha a tempada no quinto posto do seu grupo

O equipo de rugby culmina cunha vitoria en Oviedo o seu estreo na división de prata estatal

Desde o club agradecen o apoio recibido ao longo da competición

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 03/04/2017

O Campus Universitario Ourense Coosur xogou este sábado o seu último partido da tempada na División de Honra B do rugby estatal. Os ourensáns acadaron no seu desprazamento a Asturias unha vitoria ante o Real Oviedo Rugby e rematan así o seu estreo nesta categoría no quinto posto do seu grupo, con 13 vitorias, 9 derrotas e 63 puntos. Desde o club quixeron agradecer todo o apoio recibido ao longo da competición. Por outra banda, esta fin de semana tamén disputaron, con desigual sorte, encontros de liga os equipos de xadrez e baloncesto do campus de Ourense.

Rematando a tempada con bo sabor de boca

O equipo de rugby do campus, indican desde o club, desprazouse ás instalacións deportivas do Naranco en Oviedo para enfrontarse no último partido de liga “cun Oviedo que necesitaba os puntos para poder ter opcións de salvarse, a pesar de depender do resultado doutro equipo co que estaba empatado a puntos”. Malia ser un partido sen consecuencias de cara a súa propia clasificación, o Campus Universitario Ourense Coosur afrontou o encontro coa “convicción e o desexo de gañar e, así, quitarse o mal sabor de boca que deixaron fronte a Uribealdea na xornada anterior”. Aínda que os ovetenses “non o puxeron fácil”, sinalan desde o club ourensán, “realmente viuse a un equipo que quixo xogar ao rugby e que aproveitou os seus balóns e as súas ganas de vitoria para poder levarse o resultado e acabar definitivamente a temporada en quinta posición”.

Rematada a tempada, desde o club de rugby universitario salientan que “queremos agradecer a todos aqueles que estivestes con nós ao longo desta temporada: directiva, equipo técnico, patrocinadores, prensa, socios, familias, seareiros, xogadores e todos os que apoiastes ao equipo desde dentro e fóra de España". Tamén hai palabras de agradecemento para “David e Argiz por guiar a este equipo e aos xogadores polo seu esforzo, traballo e horas de dedicación. Esta tempada percorremos 10.422 quilómetros viaxando a todos os nosos desprazamentos. Foi un grande esforzo por parte de todos. Graciñas”, apuntan desde o Campus Universitario Ourense Coosur.

Continuidade en xadrez e baloncesto

Polo que respecta ao baloncesto, o Universitario Campus de Ourense gañou o sábado 60-38 a Calasancias na fase clasificatoria A-2 da primeira división autonómica feminina. Con este resultado, as ourensás mantéñense primeiras na táboa, con oito vitorias e ningunha derrota. A vindeira xornada de liga, o día 23 de abril, desprazaranse a Burela para xogar contra Academia A Mariña CB Burela. Pola contra, a categoría masculina perdeu 63-57 o encontro disputado na segunda fase A-2 da segunda división masculina contra Recambios Frain @AXSC. Con este resultado, os ourensáns mantéñense cuartos do seu grupo, recibindo o día 8 de abril a CB Arteixo.

A fin de semana tamén tiveron encontros de liga os equipos de xadrez, que disputaron a novena xornada da liga galega por equipos. Na primeira división, o Universitario de Ourense A gañou en Pontevedra por 1.5-2.5 a EXP Uvigo, con vitorias de José Doval e Alberto Iglesias, táboas de Antonio Villar e derrota de Xabier Gómez. Con este resultado mantéñense na parte alta da clasificación, loitando polo primeiro posto. En segunda división, o Universitario de Ourense B gañou na casa contra Círculo Chantadino por 3-1, con vitorias de Manuel Álvarez e Laura Martínez e táboas de José Manuel Novoa e José Javier Lamas. Pola súa banda, o equipo C do campus desprazouse a Verín para xogar contra o líder, Xadrez Verín A, perdendo por 3.5-0.5, con táboas de Miguel Reza e derrotas de César Pérez, Raúl Martínez e Xurxo Gerpe. Os dous equipos, indican desde o club universitario, “quédalles un final de liga tranquilo xa que se atopan lonxe das posicións de descenso”. Por último, na terceira división o Universitario de Ourense D perdeu na casa co Xadrez Forte de Monforte por un marcador final de 0-4, con derrotas de Favio Fuentes, Iago Gómez, Gabriel Paradela e Germán Rodríguez. Ata o 22 de abril, apuntan, non se reanudará a liga, debido a campionatos individuais galegos de xadrez que se disputan en Padrón e onde haberá representantes dos equipos universitarios ourensáns.