DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de rugby enfróntase ao Abellóns RC no derradeiro partido da temporada

O pavillón universitario acollerá tres encontros de baloncesto na fin de semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 05/03/2010

O equipo de rugby xoga esta fin de semana contra o Abellóns RC de Lalín no que será o derradeiro partido da temporada. O equipo viaxará ao completo para este enfrontamento despois das baixas dos últimos encontros e farao coa esperanza de rematar a liga cunha vitoria que lles deixe un bo sabor de boca trala mala campaña realizada. O Lalín atópase a sete puntos dos ourensáns na táboa de clasificación, cunha vitoria máis que o Campus. O encontro disputarase o sábado ás 16.15 h da tarde no Manuel Anxo Cortizo de Lalín.
Os equipos de baloncesto sénior masculino e feminino e júnior masculino, pola súa banda, xogarán na casa contra os seus respectivos rivais. O primeiro destes encontros é o que terá lugar este sábado ás 17.00 h da tarde no Pavillón Universitario e que enfrontará ao cadro sénior de baloncesto masculino contra o Liceo Casino de Vilagarcía, un encontro que se presenta complicado por estar a temporada moi avanzada. O adestrador dos ourensáns, Javier Pérez, define aos xogadores do Liceo como “uns rivais con moita experiencia que poden aproveitarse da nosa ansiedade por gañar” e tentarán que iso non aconteza. “Debemos conseguir a vitoria porque perder a estas alturas da competición significaría un paso atrás definitivo”, afirma. Na actualidade o Universitario Campus Ourense ocupa o segundo lugar na táboa de clasificación por detrás do Tui.

O CB Baiona, rival das xogadoras sénior de baloncesto

O seguinte partido comezará ás 19.00 da tarde do sábado tamén no Pavillón Universitario e enfrontará ao equipo sénior de baloncesto feminino co CB Baiona. Ata agora as xogadoras ourensáns ocupan a segunda posición da táboa polo que o seu adestrador, Roberto Rapela, sinala a vitoria como unha necesidade. Segundo as súas palabras, “temos que gañar este partido se queremos asegurar a segunda praza da clasificación e optar así á fase de ascenso e debemos vencer por máis de dous puntos, que foi a diferenza coa que perdemos en Baiona”. Rapela confía nas posibilidades que ten o equipo para acadar a vitoria pero confesa o seu temor ante a fortaleza do cadro rival. “En principio deberiamos ter opcións de gañar porque contamos con máis rotacións, máis posibilidades de facer cambios pero as xogadoras do Baiona son máis grandes e fortes e teñen moita habilidade para o rebote”, explica.

Os xogadores júnior enfrontaranse ao Básquet Coruña

O domingo ás 17.00 horas terá lugar un novo partido de baloncesto no Pavillón Universitario que enfrontará ao equipo júnior masculino contra o Básquet Coruña. O adestrador Miguel González asegura que este encontro “vai ser o máis importante do que nos queda de temporada porque do resultado dependerá a posibilidade de pelexar polos tres primeiros postos da categoría”. No partido de ida os ourensáns perderon de sete puntos polo que o choque vai estar moi igualado. Segundo explica o adestrador “Básquet Coruña é un dos equipos mellor situados para clasificarse entre os tres primeiros postos polo que vai ser un duro rival que nos servirá para comprobar o nivel ao que estamos na actualidade”, declara.