DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vitoria tamén para os xogadores sénior de baloncesto contra o Seis do Nadal

O equipo de rugby gaña aos coruñeses do Fendetestas por 15 puntos de diferenza

O cadro júnior de baloncesto, pola contra, perdeu contra o coruñés BCA

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 14/12/2009

Fin de semana de vitorias para os equipos de rugby e de baloncesto sénior masculino, que derrotaron aos seus respectivos rivais nuns partidos que se caracterizaron pola súa dureza. O Campus Ourense Rugby derrotou aos coruñeses do Fendetestas por un resultado de 7-22 e o Universitario Campus Ourense venceu aos vigueses do Seis do Nadal por 76-64. O equipo júnior masculino de baloncesto, pola contra, perdeu o partido contra os coruñeses do BCA por un resultado de 70-63.
A primeira das vitorias da fin de semana chegou da man do Campus Ourense Rugby, que se impuxo por un resultado de 7-22 ao cadro coruñés do Fendetestas As Pontes nun partido trabado por mor do frío e do mal estado do terreo de xogo. Os ourensáns dominaron a posesión da pelota durante todo o encontro, aínda que a boa defensa dos locais e as múltiples imprecisións no xogo a man dos ourensáns complicaron a obtención dos ensaios. O equipo local do Fendetestas amosouse moi loitador durante todo o encontro, coñecedores da importancia que tiña o partido para non descolgarse definitivamente dos equipos que o preceden na táboa.
Con esta vitoria o Campus gaña unha posición na clasificación e sitúase quinto a un punto da cuarta praza. Hai que destacar que nesta xornada perderon os dous primeiros clasificados, Crat A Coruña e Belenos, deixando mais aberta a liga.

Vitoria do cadro sénior de baloncesto nun partido “bastante complicado”

E vitoria tamén a conseguida polo equipo sénior masculino de baloncesto no partido que xogaron este sábado contra os vigueses do Seis do Nadal, aos que derrotaron por un resultado de 76-64. Con todo, o adestrador, Javier Pérez, asegura que foi un partido “bastante complicado”. Segundo explica, “comezamos o primeiro cuarto moi ben pero despois o encontro complicouse bastante e a mediados do terceiro cuarto perdíamos por 20 puntos. Isto obrigounos a afrontar a última parte cunha defensa moi forte e cuns ataques moi rápidos cos que conseguimos levantar o partido”. O adestrador atribúe este pequeno susto “ao exceso de confianza dos xogadores e tamén ao desexo do cadro rival por gañar”. Con esta son xa sete as vitorias que o Universitario Campus Ourense leva conseguidas –só perderon o primeiro partido contra o CB Tui, o actual líder da clasificación-. Na actualidade, ocupan o segundo posto da táboa seguidos polo CB Allariz.
Os xogadores sénior de baloncesto xogarán de novo o próximo sábado contra o equipo ourensán de Cruz Alta. O partido será as cinco da tarde na cancha anexa ao Paco Paz.

Os coruñeses do BCA derrotaron aos xogadores júnior de baloncesto por 70-63

O equipo júnior de baloncesto, pola contra, perdeu o partido contra os coruñeses do BCA por 70-63. Javier Pérez, que substituíu nesta ocasión ao adestrador dos júnior, Miguel González, recoñece que o encontro “era moi complicado porque tiñamos a tres xogadores de baixa por lesión e tamén pola fortaleza do cadro rival, un dos favoritos a estar nos primeiros postos da táboa de clasificación”. O adestrador cualifica o primeiro cuarto do encontro de “moi malo, con moitos nervios” e asegura que a medida que o tempo ía pasando “as sensacións ían sendo tamén mellores pero non puidemos conseguir a vitoria”. Javier Pérez explica tamén que o coruñés BCA “é un equipo moi alto e moi forte, polo que plantexamos o partido con moita rapidez e velocidade. Isto permitiunos sorprender ao rival en moitos momentos, pero non foi suficiente para gañar o encontro”. Na actualidade, o Campus Ourense Blanco Amor ocupa o sexto lugar na táboa de clasificación. O próximo partido xogarano contra o ferrolán Tirso Molina. Será o vindeiro domingo ás doce da mañá no Pavillón Universitario.