DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cadro sénior masculino de baloncesto xoga este sábado contra o Seis do Nadal

O equipo de rugby inicia a segunda volta da liga contra os coruñeses do Fendetestas

O BCA vai ser o rival dos xogadores júnior de baloncesto no partido do domingo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 11/12/2009
Tras o descanso da ponte da Constitución os equipos de rugby e de baloncesto están preparados xa para xogar novos partidos esta fin de semana. O Campus Universitario de Ourense de Rugby viaxará este sábado ata a localidade coruñesa de As Pontes para enfrontarse ao equipo local do Fendetestas. Ese mesmo día, o cadro sénior masculino de baloncesto xogará contra os vigueses do Seis do Nadal no pavillón universitario. O equipo júnior enfrontarase o domingo ao BCA. Para o cadro sénior feminino de baloncesto esta fin de semana será de descanso.

O equipo de rugby mídese ao Fendetestas

Comeza a segunda volta da liga para o Campus Universitario de Ourense de Rugby. Os ourensáns desprazaranse este sábado ata a localidade coruñesa de As Pontes para enfrontarse ao equipo local do Fendetestas. Na actualidade, os coruñeses ocupan a derradeira posición da táboa con 8 puntos menos que os ourensáns.
Aínda así, os xogadores do Campus non se fían do rival e lembran o difícil encontro da primeira volta onde, non sen atrancos, conseguiron imporse cun resultado de 28-15.
No encontro do sábado os ourensáns tentarán conseguir unha vitoria que os afaste dos derradeiros postos da táboa antes da parada do Nadal, despois do cal se enfrontarán contra o invicto líder CRAT A Coruña.

Bo momento físico e mental para o cadro sénior masculino de baloncesto

Despois de derrotar ao Liceo Casino de Vilagarcía por un resultado de 67-74 o cadro sénior de baloncesto enfróntase este sábado aos vigueses do Seis do Nadal no pavillón universitario. O adestrador do equipo, Javier Pérez, é optimista ante este encontro porque, segundo explica, “estamos nun momento moi bo da temporada, tanto física como mentalmente”. Javier Pérez revela tamén que o equipo vigués “é un rival que baixa moito cando xoga fóra da casa polo que esperamos aproveitar esa vantaxe e xogar con ritmo e intensidade para poder gañar o partido”. Na actualidade, o Universitario Campus Ourense ocupa o segundo posto na táboa de clasificación só superado polo líder, o CB Tui, unha realidade que fai que o equipo estea moi animado pero tamén que os partidos sexan cada vez máis difíciles. Segundo o adestrador, “a partir de agora os encontros van ser complicados porque temos que manter as expectativas creadas arredor do equipo”, declara.
O cadro júnior masculino de baloncesto, pola súa banda, xogará este domingo contra o BCA. E farao despois da vitoria acadada contra o Cidade de Lugo, equipo ao que derrotou por un resultado de 69-53. Na actualidade, o Campus Ourense Blanco Amor ocupa o sexto lugar na táboa de clasificación. O líder é o Maristas, seguido polo Marín e polo Caixanova Rosalía.