DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta ocasión foi contra o Bathco, en Santander

O equipo de rugby perde de novo fóra da casa

As categorías masculina e feminina do Auriense Fútbol Gaélico tamén sufriron cadansúa derrota

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 04/12/2017

Esta fin de semana, a actividade deportiva do campus de Ourense estivo protagonizada polos desprazamentos tanto do Campus Universitario Ourense Coosur de rugby como o Auriense Fútbol Gaélico fóra das instalacións universitarias. Os primeiros perderon en Santander contra o Bathco por un axustado marcador. As categorías masculina e feminina dos segundos tamén sufriron na Coruña cadansúa derrota fronte aos Fillos de Breogán.

O Campus Universitario Ourense Coosur perdeu o domingo por un marcador de 28-27 fronte ao Bathco no campo de La Albericia, en Santander. Foi un partido moi disputado e axustado na que cada un dos equipos botou man dos seu puntos fortes para facerse co encontro ata o último minuto. O resultado final sitúa aos ourensáns no oitavo posto do grupo A da División de Honra B do rugby estatal, con catro vitorias e seis derrotas.

Derrotas ante Fillos de Breogán

Pola súa banda, esta fin de semana o Auriense Fútbol Gaélico sufriu na Coruña, tal e como indican desde o club, “un duro correctivo ante dous dos favoritos ao título galego”. Na categoría masculino perderon contra Fillos de Breogán por un marcador de 9-16(43)-2-04(10). Na categoría feminina o resultado foi Fillas de Breogán 9-24(56) Auriense FG 3-04(13). “A xornada comezaba co encontro masculino, que soamente puido aguantar o ritmo ata o descanso, onde a diferencia mantíñase nos dez puntos. Na segunda parte só existiu un equipo e o Auriense acusou a ausencia de cambios e sufriu un duro correctivo”, comentan desde o equipo ourensán. O cadro feminino, engaden, tampouco tivo opcións ante as campioas galegas e subcampioas europeas, que dominaron o partido dende o primeiro minuto.

A vindeira semana, o Auriense FG terá que enfrontarse a outro difícil rival, os Irmandinhos da Estrada, campión galego masculino e candidato ao título feminino.