DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de rugby pode asegurar a permanencia a unha xornada do remate da competición

Esta fin de semana estréase o equipo infantil nunha concentración en A Coruña

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 15/02/2008

A dous partidos para o remate da competición o Universidade de Vigo de Rugby pode acadar esta fin de semana a permanencia matematicamente. O domingo ante o Oviedo R.C. e na casa, os universitarios mídense aos asturianos, aos que lles levan oito puntos, coa mente posta na posibilidade de asegurar a continuidade na División de Honra B. En caso de vitoria ou de empate, a permanencia estará asegurada unha xornada antes da finalización da liga.
Para este partido, o adestrador Aníbal Babini poderá contar cos mesmos xogadores que, dúas semanas, atrás asinaran un bo encontro ante o Gernika. Xunto con eles, inténtase recuperar aos tres cuartos Arri e Alberto Campos, dúas pezas moi importantes para o equipo. O Oviedo, que se reforzou no mes de decembro, incorpora a un xogador arxentino e a un neocelandés.
O encontro será dirixido polo colexiado Malpoceres e o domingo a partir das 12.00 h, no campus de Vigo, polo que dende o club se agarda un importante apoio do público, do mesmo xeito que o houbo ante o Cornellá.

Equipo infantil e combinado de veteranos

Esta fin de semana comeza a súa participación o equipo infantil. É a primeira vez que o Universidade de Vigo conta con esta categoría en competición, polo que este ano o club está xogando en seis categorías: División de honra B nacional, 1ª rexional, xuvenil, cadete, infantil e feminino.O sistema de competición infantil desenvolvese por concentracións e, a primeira delas será este sábado en A Coruña, onde competirán cos equipos infantís do CRAT de A Coruña, Muralla de Lugo e A.R.V Ourense.
Por outra banda, tamén o equipo de veteranos, Vigovellos, xogara o sábado pola tarde en Porto contra o Old Greens, categoría de veteranos do CDU de Porto, que ademais participara no Mundial deste categoría que este verán se celebrará en Madeira.
Finalmente, e tamén en A Coruña, esta fin de semana celébrase o Campionato de Seleccións Territoriais femininas. Para o encontro do combinado galego ante Murcia, que se celebrará o domingo ás 12.30 h, a Federación convocou a cinco xogadoras do Universidade: Laura Álvarez, Cristina Guntìn, Margarita Montes, Gladis Rey e Estela Rodríguez.