DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores sénior de baloncesto tentarán conseguir a vitoria fronte ao Baiona

O equipo de rugby regresa á competición en Avilés xogando contra o Belenos RC

O cadro júnior enfrontarase ao Ferrol, o último clasificado da competición

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 05/02/2010

O Campus Ourense Rugby regresa á competición esta fin de semana cunha visita a Avilés para enfrontarse ao equipo local, o Belenos RC. O partido preséntase difícil para os universitarios e así o recoñece o xogador Abraham Martínez que explica que “na actualidade os asturianos ocupan a segunda praza da liga e converteron o seu campo nun fortín, de xeito que ningún equipo foi quen de apañar puntos nel este ano”. Con todo, o cadro ourensán tentará conseguir a vitoria para recuperarse así dos malos resultados das últimas xornadas, algo que só será posible se teñen o máximo rendemento. Segundo o xogador, “debemos saír ao campo ao cen por cen dende o primeiro minuto, só así conseguiremos unha vitoria que nos achegue de novo aos postos medios da táboa de clasificación”, declara. Para este encontro o conxunto poderá contar con case toda a plantilla salvo Metita e Seo que continúan a recuperarse das súas respectivas lesións.

O conxunto sénior de baloncesto viaxa a Baiona

“Difícil e complicado”. Así se lles presenta o partido da fin de semana aos xogadores sénior de baloncesto masculino que viaxan a Baiona para enfrontarse ao cadro local, o Baiona Anfaco. Os ourensáns ocupan nestes momentos o primeiro posto da táboa de clasificación, lugar que recuperaron grazas á vitoria da pasada fin de semana contra o CBB Pontevedra ao que venceron por case 20 puntos de diferenza. Con todo, o adestrador, Javier Pérez, é moi cauto á hora de falar deste novo choque. Segundo explica, “temos que aprender da última derrota no Grove onde fomos como líderes e cometemos moitos erros. Se non estamos na nosa liña imos ter moitos problemas”, explica. O adestrador asegura que o enfrontamento “vai ter uns condicionantes moi adversos porque os rivais son moi fortes na súa casa e contan cun público que os vai apoiar. Ademais eles van de cuartos e teñen neste encontro unha das últimas oportunidades para meterse entre os tres primeiros da táboa”, declara.

O Ferrol, rival dos xogadores júnior de baloncesto

Os xogadores júnior de baloncesto masculino, pola súa banda, viaxan esta fin de semana ata Ferrol para xogar contra o cadro local. Na actualidade este equipo é o último clasificado da competición pero o adestrador dos ourensáns, Miguel González, explica que “vén de gañar na casa dun dos mellores equipos da liga, o Maristas de Vigo. A liga está a ser tan igualada que calquera partido é complicado”. Os júnior chegan ao encontro despois de perder o partido da pasada fin de semana contra o Marín por preto de 20 puntos de diferenza. “O obxectivo agora é conseguir a vitoria para separarnos aínda mais dos tres últimos clasificados”, declara o adestrador.

Pequeno descanso para as xogadoras sénior de baloncesto

As xogadoras sénior de baloncesto inician agora un pequeno período de descanso de quince días tras derrotar ás viguesas do San José Guía a pasada fin de semana por case 50 puntos de diferenza. O próximo rival do cadro ourensán vai ser o Baiona, partido no que tentarán conseguir unha vitoria que as manteña entre os dous primeiros postos da táboa de clasificación con opcións á fase de ascenso. O equipo de Roberto Rapela seguirá adestrando para preparar un choque que o técnico cualifica de “moi igualado porque o Baiona é un equipo de gran calidade formado por unhas xogadoras que levan xuntas moitos anos".