DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cadro senior masculino de baloncesto xogará contra o Xuventude Baloncesto de Cambados

O equipo de rugby tentará derrotar aos Ingleses RC para escalar postos na táboa

O Peleteiro vai ser o rival do equipo junior masculino de baloncesto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 20/11/2009
O equipo de rugby xoga esta fin de semana contra os Ingleses RC de Vilagarcía, nun encontro que cualifican de “moi importante” para escalar postos na táboa de clasificación. O cadro senior masculino de baloncesto, pola súa banda, enfrontarase ao Xuventude Baloncesto de Cambados, e o equipo junior xogará contra o Peleteiro. Polo que respecta ao cadro senior feminino, o equipo xogará contra as viguesas Área Complexo Deportivo.
Os xogadores do equipo de rugby consideran “moi importante” o encontro desta fin de semana, no que se enfrontarán aos Ingleses RC de Vilagarcía. O Campus Universitario de Ourense arrastra tres derrotas consecutivas que levaron ao equipo a ocupar os postos de cola da táboa de clasificación, p dos que sairían de conseguir a vitoria este sábado. Polo que respecta ao RC de Vilagarcía, o equipo pontevedrés ten cinco puntos mais que os ourensáns, e ocupa o terceiro posto na táboa. Nos enfrontamentos do pasado ano houbo reparto de puntos, ambos equipos gañaron un encontro.
Os xogadores de Campus Universitario de Ourense atópanse “moi motivados”, e están a preparar o encontro intensivamente, animados pola boa cara que amosaron no último encontro de liga.
O encontro disputaráse este sábado, ás catro da tarde, no campo de Monterrei.

O cadro senior masculino enfróntase o sábado ao Xuventude Baloncesto de Cambados

O cadro senior masculino de baloncesto, pola súa banda, xoga este sábado contra o Xuventude Baloncesto de Cambados. E faino coa forza, a ilusión e o optimismo que lles deu a vitoria acadada a pasada fin de semana contra o CB Allariz Blanco Quintas, ao que derrotaron por máis de 20 puntos de diferenza (69-92). Con todo, o adestrador, Javier Pérez, califica o partido contra os de Cambados de “moi complicado” por dúas razóns. “O Xuventude Baloncesto é un equipo moi novo. Todas as vantaxes que temos de ritmo e de velocidade van quedar anuladas porque eles xogan e defenden coma nós”. O Universitario Campus Ourense ocupa o segundo lugar na táboa de clasificación, e isto pode ser un aliciente para o rival. “Estamos de segundos e isto pode ser unha motivación importante para o outro equipo de tentar xogar o mellor posible e gañar o partido”, declara. O encontro terá lugar este sábado, ás cinco da tarde, no pavillón universitario, unha vantaxe que os xogadores deberán aproveitar. Nas palabras do adestrador, “xogamos na casa, polo que debemos ser fortes e tentar gañar o partido”, subliña.

O Peleteiro, rival do cadro junior masculino de baloncesto no partido do domingo

Nunha situación similar atópase o cadro junior masculino de baloncesto, que xogará este domingo coa forza e a ilusión acadada trala vitoria da pasada fin de semana contra o Ferrol, ao que derrotaron por case trinta puntos de diferenza (64-36). O partido vai ser este domingo fronte ao Peleteiro.
Na actualidade, o equipo junior ocupa o segundo lugar da clasificación con tres puntos, os mesmos que o terceiro clasificado, o Caixanova Rosalía. O líder da táboa é o Marín Peixe Galego con catro puntos.
O cadro senior feminino de baloncesto, pola súa banda, xoga este sábado contra o equipo vigués Área Complexo Deportivo. O partido terá lugar ás sete da tarde no Pavillón Universitario. No encontro da pasada fin de semana contra o Baiona, o equipo ourensán perdeu pola mínima, dous puntos de diferenza, acadando un resultado de 44-42. Na actualidade, o Universitario Campus Ourense ocupa o segundo lugar da táboa de clasificación con tres puntos. O líder é o CB Baiona con catro puntos.