DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vitoria tamén a conseguida polos equipos sénior feminino e júnior masculino

O equipo sénior de baloncesto derrota ao líder da categoría, o CB Allariz

Os xogadores de rugby, pola contra, sufriron unha dura derrota contra os Ingleses RC

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 22/02/2010

Os xogadores sénior de baloncesto masculino conseguiron derrotar na fin de semana ao líder da categoría, o CB Allariz, por 12 puntos de diferenza (92-80). Foi un partido “igualado e moi complicado” segundo o adestrador Javier Pérez, ata o punto de que o cadro rival chegou a acadar unha pequena renda de 8 puntos no segundo cuarto. Foi nos últimos cinco minutos do encontro cando o equipo conseguiu darlle a volta ao marcador a raíz da lesión dun dos xogadores do cadro rival. “A partires dese momento eles atopáronse un pouco perdidos e nós aproveitamos esa circunstancia para recuperar puntos nun enfrontamento moi difícil”, explica o adestrador. O conxunto viaxará o próximo domingo, 28 de febreiro, a Cambados para xogar contra o Xuventude Baloncesto.

Vitorias para as xogadoras sénior e os junior

Vitoria tamén a conseguida polo equipo sénior feminino de baloncesto que acadou este domingo un resultado favorable contra as viguesas do Área Complexo Deportivo ás que derrotaron por unha importante diferenza de 33 puntos (34-67). O adestrador Roberto Rapela explica que o partido comezou mal para as súas xogadoras ata o punto de chegar ao descanso perdendo por dous puntos. “Nesta primeira parte xogamos bastante mal, con moito desacerto no tiro e sen o noso ritmo habitual”. O equipo logrou romper o encontro no terceiro cuarto da segunda metade ao recuperar o seu ritmo habitual de xogo e mellorar a defensa. O Universitario Campus Ourense volverá á competición o día 27 de febreiro, ás cinco da tarde, no pavillón universitario contra as viguesas do Seis do Nadal.
O equipo júnior de baloncesto masculino, pola súa banda, acadaba unha nova vitoria para o deporte universitario ao derrotar ao Cidade de Lugo por unha diferenza de 16 puntos (54-70). O adestrador Miguel Ángel González explica que o partido estivo moi igualado nos tres primeiros cuartos xa que ningún dos cadros posuía vantaxes de máis de 6 puntos. “A pesares de que debiamos ser superiores cometemos moitos erros defensivos e tamén no ataque, onde a precipitación facía que fixeramos malos tiros”, declara. A cousa cambiou no último cuarto, onde o conxunto logrou mellorar a súa defensa sobre todo en 1 contra 1 o que provocou que atacaran con máis tranquilidade. “Un par de triples neste cuarto e o movemento do balón contra a súa defensa en zona fixeron que nos puxeramos 12 puntos arriba á falta de dous minutos”. O equipo tentou administrar esta vantaxe no marcador o que quedaba de tempo para deixar ao rival sen opcións. Os xogadores júnior volverán xogar o vindeiro día 7 de marzo contra o Básquet Coruña. O encontro terá lugar ás cinco da tarde no pavillón do campus universitario.

 

Duro partido para os xogadores de rugby

O Campus Ourense Rugby, pola contra, perdía na mañá do domingo en Vilagarcía contra os Ingleses RC nun duro partido marcado pola meteoroloxía adversa. Nun campo encharcado e con forte vento e choiva, os ourensáns, cheos de baixas, levaron a iniciativa nos primeiros minutos cun xogo de dianteira moi compacto co que pecharon aos locais na súa zona de ensaio varios minutos, podendo conseguir pousar o balón nun par de ocasións que, finalmente, quedaron en nada por erros na finalización. O dominio da dianteira ourensá viuse respondido cos contragolpes do equipo rival que, moito mais efectivos, lograron 2 ensaios nas súas primeiras incursións en territorio ourensán. Antes de ir ao descanso os locais conseguían un terceiro ensaio, deixando en nada o dominio da pelota dos ourensáns. Ao descanso 17-0 en contra do Campus.
Na segunda parte Os Ingleses saíron a por todas tentando conseguir o cuarto ensaio que lles dera o bonus e así o conseguiron ao pouco de comezar nunha boa xogada de equipo. Nesta segunda metade o dominio da pelota estivo en mans dos locais. Nos derradeiros minutos, alternancia dos ataques en ambos equipos, conseguindo os locais dos ensaios por un dos visitantes, que deixaban un resultado ao final de 36-5.
A vindeira semana non haberá competición, xa que xoga a Selección Galega. En quince dias os ourensáns viaxarán a Lalín, para disputar o derradeiro partido da liga contra os locais os Abellóns.