DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aseguraron a segunda posición da táboa ao vencer ao Seis do Nadal esta fin de semana

O equipo sénior de baloncesto masculino xogará a fase de ascenso a primeira división

Os cadros sénior feminino e júnior masculino perderon os seus respectivos encontros

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 15/03/2010

O equipo sénior de baloncesto masculino derrotou esta fin de semana ao Seis do Nadal por once puntos de diferenza (63-74). Con este resultado os xogadores de Javier Pérez aseguran a segunda praza da táboa de clasificació, o que lles permite xogar a fase de ascenso á primeira división nacional. O adestrador define o choque de “moi complicado”. Segundo as súas palabras, “empezamos moi ben, fortes e concentrados, o que nos permitiu marcar diferenzas importantes no primeiro cuarto. No segundo o partido igualouse un pouco e, xa na segunda metade, mantivemos o ritmo e a intensidade de xogo co que conseguimos que o encontro fora noso”, declara. Os xogadores sénior volverán á competición o vindeiro domingo, 21 de marzo, no pavillón universitario para enfrontarse ao Cruz Alta.

O CB Allariz derrota ao equipo sénior feminino

As xogadoras sénior de baloncesto, pola súa banda, perderon o encontro contra o CB Allariz por tan só dous puntos de diferenza (68-70) na prórroga. O adestrador Roberto Rapela explica que foi un partido “moi igualado” no que cometeron erros en defensa moi graves. “Démoslles a posibilidade de que colleran moitos rebotes ofensivos e tiveran así grandes oportunidades de anotar, unha realidade que se sumou ao feito de que o cadro rival xogou moi ben”, declara. O equipo xogará de novo o sábado, 20 de marzo, no pavillón universitario contra as líderes da clasificación, as viguesas do Compañía de María.

Os xogadores júnior perden contra o Tirso de Molina

Derrota tamén a dos xogadores júnior de baloncesto que perderon o partido contra o Tirso de Molina por 14 puntos de diferenza (77-63). O adestrador Miguel González cualifica o choque como un “moi mal encontro” porque, segundo explica, “fomos perdendo todo o tempo condicionados por un mal arbitraxe que desconcentrou aos xogadores e limitou as nosas rotacións”. O equipo chegou ao descanso perdendo por dez puntos “debido ao mal xogo en ataque e ás concesións defensivas, ademais da gran cantidade de tiros libres cos que contaron os rivais”, declara. Na segunda parte o cadro ourensán conseguiu igualar o marcador grazas á súa defensa en zona que freou o ataque rival e proporcionoulles varias canastas de contraataque. “Cando o partido estaba igualado un par de decisións arbitrais condicionou o resultado final e deixou unha diferenza que non existiu na segunda parte”, asegura o adestrador. Na actualidade o cadro júnior ocupa a sétima posición na táboa e xa están a preparar o choque da semana que vén contra o Caixanova Rosalía de Santiago.