DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Formado por catro alumnas dos graos de Dereito e Relacións Internacionais

O equipo Sofistas gaña a IX Liga de Debate

Nesta edición participaron 24 estudantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 16/12/2022

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves pola tarde a final da IX Liga de Debate, coordinada polo catedrático de Filosofía do Dereito Pablo Raúl Bonorino. Seguindo a tradicional liña desta iniciativa de propor temáticas que se caracterizan pola súa actualidade ou controversia nas posturas a favor e en contra, nesta ocasión o debate xirou arredor da pregunta de se se deberían ou non organizar mundiais de fútbol en países nos que non se respectan os dereitos humanos, tendo en conta a polémica arredor do Mundial de Catar que se está a celebrar. Tras sortear que postura ía defender cada equipo e con intervencións cronometradas, desenvolvéronse tanto as semifinais como a final, na que as e os estudantes argumentaron a súa postura e contraargumentaron a do equipo rival.

O xurado elixiu como equipo gañador a Sofistas, formado por tres alumnas do Grao en Dereito e unha do Grao en Relacións Internacionais. O segundo clasificado foi Los Tertulianos, composto por dúas alumnas e un alumno deste mesmo Grao en Dereito. En total participaron nesta edición 24 estudantes, 22 alumnas e dous alumnos, que recibiron os parabéns do coordinador da iniciativa polo traballo feito. A liga foi unha oportunidade para o alumnado participante de formarse e adestrarse, nunha contorna didáctica, na capacidade de diálogo respectuoso, de argumentación e de debate co obxectivo último de mellorar a súa formación, considerando que a capacidade de ser capaces de argumentar en defensa das opinións propias en público é fundamental en xeral, pero de xeito especial en profesións como a de xurista.