DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo foi a Universidade con mellores resultados do campionato

O equipo de taekwondo consegue 12 medallas e lidera o europeo de Braga

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 14/12/2009
Dous ouros, sete pratas e tres bronces. Este foi o excelente resultado que acadou o equipo de taekwondo da Universidade de Vigo no I Campionato Europeo de Taekwondo disputado esta fin de semana na cidade portuguesa de Braga e no que a universidade viguesa foi a que obtivo mellores resultados.
En total dos 15 deportistas que acudiron en representación da Universidade, 12 volveron con medalla, e especial éxito tiveron as mozas, xa que todas as taekwondistas viguesas se colocaron entre os tres primeiros postos da súa categoría e acadaron medalla.
Entre as alumnas destacaron Lara Ouviña, que logrou o ouro na categoría peso lixeiro (-62 quilos), Rebeca Mariño, que acadou unha prata na categoría galo (-53 quilos) tras unha disputada final contra Suvi Mikonen, da Universidade Politécnica de Madrid, e Cristina Fernández en minimosca que resultou prata fronte a Elaia Torrontegui, tamén alumna da Politécnica de Madrid.
En canto aos alumnos, Pablo Casares na categoría máis pesada (+87 quilos) obtivo o ouro, Darío Pérez e David Vidal fixéronse coa prata, pese a que este último chegou lesionado á final, e Bruno García tívose que conformar cunha medalla de bronce, que acadou tras unha emocionante semifinal que se parou por un corte que recibiu no queixo cando ía gañando no segundo asalto por un 8 a 5 contra o actual Campión do Mundo Absoluto, Joel González, da Politécnica de Cartagena. Menos sorte tiveron David Carril e Fernando Rascado que quedaron fóra de combate ao non superar as pequenas lesións que presentaban.

No encontro déronse cita 31 universidades europeas

Ao campionato, no que se deron cita 31 universidades europeas, nove delas españolas,
os equipos de Rusia e Alemaña contaron cos seleccionadores nacionais de taekwondo e con taekwondistas dos equipos nacionais de primeira e segunda categoría. Este feito elevou a dificultade para os equipos dos outros catro países participantes: Portugal, Slovakia, Holanda eEspaña.
No cómputo final as universidades galegas obtiveron un bo número de medallas, xa que ás 12 de Vigo hai que sumar as pratas de Ramón Criado de A Coruña e Vanessa Álvarez da USC.