DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A final celebrouse este xoves na Facultade de Dereito do campus

O equipo Tiburones gaña a VI Liga de Debate da Universidade de Vigo

Defendía a postura favorable á reforma da Constitución para permitir un referendo en Cataluña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Premios
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 13/12/2018

A VI Liga de Debate da Universidade de Vigo xa ten equipo gañador. Trátase de Tiburones. Este xoves a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu a final desta competición na que dous equipos debateron sobre se se debería reformar a Constitución para permitir un referendo sobre a independencia en Cataluña. A postura cos mellores argumentos foi por unanimidade, segundo o xurado presente, a que defendeu a reforma da carta magna.

Media hora de debate

Os equipos que se clasificaron para a final, ambos compostos por alumnado de cuarto curso do Grao en Dereito, foron Tiburones, formado por María Laura Martínez, Esther Álvarez, Lucía Álvarez e Miguel Ángel Rodríguez e A Contrario Sensu, integrado por Iara Martínez, Raquel Gómez e María Alcina Fernández. Elas e el interviñeron para o público presente e para o xurado seguindo un sistema de quendas cronometradas. O xurado, formado por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito; Sonia Albor, da Concellaría de Xuventude, e Jonathan Domínguez, egresado do centro con experiencia en ligas de debate tanto dentro da Universidade de Vigo como fóra dela, elixiu por unanimidade como gañador a Tiburones. Ademais concedeuse unha mención como mellor oradora desta edición da liga a Thalía González, cuxo equipo non chegou á final. A ela e ás e aos estudantes que chegaron a esta final a organización entregoulle agasallos patrocinados por Rúa Avogados.

A postura a defender por cada equipo foi sorteada instantes antes de comezar o debate. Durante media hora, cada membro dos equipos finalistas interveu tanto para expor os seus argumentos a favor da súa postura como para rebater os do equipo contrario. Moi en liña cos argumentos que se manexan no debate público sobre a cuestión, o equipo gañador, Tiburones, avogou polo dereito da autodeterminación dos pobos; a necesidade de renovar un documento elaborado en 1978 acorde á realidade social actual; a obriga de escoitar e dar voz aos pobos e a pertinencia de actualizar o modelo territorial apostando polo federalismo. En todo caso, recalcaron, non defenderon a postura a favor da independencia de Cataluña senón que se reforme a Constitución para que si se poida permitir un referendo sobre ela, facendo fincapé en tomar como exemplo o acontecido en Escocia.

Pola súa banda, A Contrario Sensu fixo fincapé en que o dereito á libre autodeterminación dos pobos non sería aplicable no caso catalán por non ser un dos supostos contemplados nese dereito, salientando que non se trata dunha colonia. No seu caso avogaron polo diálogo para a busca doutras alternativas que manteñan a integridade do estado, incidindo nos prexuízos que suporía tanto para España como para Cataluña esa independencia e apelando á solidariedade dos pobos nun mundo globalizado. No seu argumentario tamén fixeron fincapé en que en caso de haber un referendo corresponderíalle manifestar a súa opinión ao conxunto dos españois e non só ás e aos cataláns.  

Valoración

Dirixida desde a Facultade de Dereito do campus de Ourense polo profesor de Filosofía do Dereito Pablo Raúl Bonorino, a Liga de Debate da Universidade de Vigo volveu un ano máis a apostar por fomentar entre o alumnado a capacidade de diálogo, de argumentación e de debate co obxectivo último de mellorar a súa formación. Nesta ocasión foron oito os equipos de diferentes curso da Facultade de Dereito do campus de Ourense os que se animaron a participar nesta cita e que ao longo das últimas semanas formáronse e competiron. “A liga vaise consolidando ano a ano”, recalcaba Pablo Raúl Bonorino no seu peche.

En contra do obxectivo inicial, comentou o coordinador, no campus de Vigo non se acadou unha cantidade de grupos inscritos como para poder abrir una competición paralela polo que nese campus continuouse co traballo de adestramento e difusión da actividade entre as persoas interesadas. En todo caso, recalcou Pablo Raúl Bonorino, “mesmo no campus de Vigo medrou o número de grupos interesados. Se segue así o ano próximo seguramente poderemos contar cun torneo en simultáneo en ambos campus”.

Sobre o desenvolvemento estas semanas da liga, o seu coordinador recalca como “é de resaltar que o tema de debate para as roldas finais foi elixido polos alumnos e alumnas que participan, que cren que se pode abordar racionalmente o debate dunha cuestión tan candente como o conflito en Cataluña”. “Abrir estes espazos e xerar confianza na argumentación racional como forma para abordar os desacordos (aínda que sexan profundos) é un dos obxectivos que persegue a liga de debate desde os seus inicios e creo que o está cumprindo cabalmente”, subliñou Pablo Raúl Bonorino.