DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante o Club Tenis Redes por 5-0

O equipo universitario de tenis +35 cae nos cuartos de final do Campionato Galego

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 19/11/2018

Tras rematar a pasada semana a fase de Liga do Campionato Galego de Tenis, o equipo da Universidade de Vigo na categoría +35 de tenis disputou esta fin de semana os cuartos de final desta competición. A sorte non estivo de parte dos universitarios, que caeron por 5-0 ante o Club Tenis Redes.

O equipo da UVigo, tras rematar segundo de grupo da zona sur, chegaba a esta cita con moitas gañas de meterse nas semifinais pero o encontro púxoselles moi costa arriba ante un rival que contaba con algún dos mellores xogadores galegos absolutos e subcampión galego absoluto no 2016 e 2107. A isto uníronse a gran cantidade de baixas dos vigueses, de xeito que tan só un dos titulares, Jorge Comesaña, puido competir este sábado, e fíxoo ademais lesionado. O equipo tivo que tirar de veteranos e reservas, de modo que, xunto a Comesaña, estiveron na pista Alfonso Lago, Jaime Sieres, Jose M. Vilas e Jorge Millos.

Balance da temporada

Con esta competición remata a temporada do Universidade de Vigo de Tenis, cuxo integrantes teñen xa a vista posta en volver loitar polo título autonómico o próximo ano. Desta temporada o balance é moi positivo, segundo o xogador e adestrador Jorge Comesaña, que subliña o “bo traballo dos xogadores durante todo o ano, tanto dos rapaces coma das rapazas, que fixeron un magnífico papel”. Entre os resultados obtidos, lembra que os equipos femininos acadaron o terceiro posto nas semifinais da División de Prata e o ascenso á máxima categoría, a División de Ouro. No referente ao equipo masculino A, acadaron o cuarto posto nas semifinais da División de Prata e, do mesmo xeito, o ascenso á División de Ouro. Finalmente, o equipo +35 masculino acadou os cuartos de final da División de Ouro.