DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foron os gañadores locais deste evento en 2018

Un equipo vigués faise cun dos galardóns nacionais de HackForGood

Desenvolveron unha aplicación web para loitar contra a exclusión social desde a escola

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 30/04/2019

Gañaron a edición local de HackForGood Galicia 2018 e agora acaban de subir ao podio do HackForGood Big Day, peche anual do evento de innovación social HackForGood, encontro interuniversitario que se celebra en diversas cidades simultaneamente e no que máis de mil ‘hackers bos’ de toda España desenvolven solucións tecnolóxicas innovadoras para dar resposta a retos sociais formulados por ONG, fundacións, institucións... A cita tivo lugar o pasado venres no Auditorio Innovation Center no Distrito Telefónica (Madrid) e nela o equipo vigués competiu con outros oito gañadores do HackForGood 2018 a nivel nacional. Falamos de cinco estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación creadores de Atopa Project, unha aplicación web dirixida a loitar contra a exclusión social desde a escola baseada no uso da sociometría.

Os equipos participantes expuxeron o seu traballo un ano máis tarde de gañar a correspondente edición local para que os membros do xurado –composto por representantes de doce universidades de toda España e sete representantes de diversas áreas de negocio da compañía Telefónica- puidesen comprobar a evolución de cada un dos traballos gañadores das distintas sedes do evento HackForGood 2018. Finalmente o equipo vigués, composto por María Cabrero, Marta Blanco, Adrián Lombardía, Miguel Ángel Otero e Sara Berezo, fíxose co terceiro premio, dotado con 1000 euros.

Unha App que nace man a man coa asociación viguesa Teavi

Atopa Project xurdiu ao abeiro da asociación viguesa Teavi, Transtornos do Espectro Autista, que foron os que primeiro se decataron de que a exclusión social é un dos principais problemas no ámbito escolar. “Nós, cinco alumnos da EE de Telecomunicación especializados en imaxe e son, sistemas de telecomunicación e telemática, decidimos abarcar este problema e iniciar un desenvolvemento que poña solución a este problema”, explica o equipo nas súas redes sociais.

Atopa, que o ano pasado conseguiu tamén un dos premios dos LProDays da EE de Telecomunicación, é unha aplicación web dividida en dúas interfaces: unha para o docente e outra para o alumno/a. Na interface do alumnado permítese responder a unha serie de preguntas, cun respaldo psicolóxico previo, que permitan establecer as relacións sociais de cada neno ou nena. No caso da do profesor a interface ten a opción de modificar as preguntas para adecualas ás diferentes idades escolares e, por outra banda, coas respostas obtidas do alumnado, permite visualizar un sociograma por pregunta, así como outros datos relevantes de cada alumno/a ou do conxunto da clase. “Todo isto con unha interface sinxela, visual e adaptada ao estudante ou ao profesor”, recalcan os seus impulsores.