DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo vigués lidera o Campionato Galego de Xadrez

A falta dunha xornada para rematar o campeonato ten o 1º posto prácticamente asegurado

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 16/04/2012
O Universidade de Vigo de xadrez está a a punto de volver converterse no campión da liga galega tras gañar en Lugo por cinco puntos ao Recatelo A que certificou matemáticamente a perda da categoría. “Nunha das ligas máis emocionantes dos últimos anos xa nos queda moi pouquiño para ser novamente campións”, sublimaba o capitán, Pablo García, satisfeito cos 40,5 puntos acadados nun torneo que ten ao Algalia e o equipo da USC como segundo e terceiro clasificado.

García quixo tamén compartir o éxito coa canteira “os máis novos, que o están a facer estupendamente e que, sen dúbida, lles a valer para acadar a súa madurez deportiva”. Cun resultado final de Recatelo A 1 – Universidade de Vigo 5, Avelino Leirós empatou o primeiro taboleiro mentras que no segundo o capitán acadou a vitoria fronte a Alfredo López. Xa no terceiro Daniel Rivera deu unha auténtica “lección maxistral” e tamén no cuarto, no que se enfrontaron Luis Alberto Estévez e Rafael Alonso, se acadou a vitoria. no quinto e sexto, novo debut da canteira, cun empate para Roca, e unha vitoria para Manuel Lorenzo que disputou a súa primeira partida na máxima categoría do xadrez galego.

A falta dunha soa xornada para o remate da fase regular, e moito aínda por decidir, tanto pola parte alta, coma na loita por eludir o descenso. O Universidade de Vigo, o USC máis o Algalia, deberían, a xuízo do capitán vigués, rematar nos tres primeiros postos, mentres que para a cuarta praza aínda hai tres equipos con opción. Neste contexto “o Marcote non as ten todas consigo para entrar na Final a Catro, sendo o Círculo Ferrolán, que xoga co pechacancelas, o favorito para entrar”, subliña García.

Pola parte baixa é o Arteixo, actualmente en descenso pero cun enfrontamento moito máis favorable, o que ameaza a CFX Porto de Vilagarcía e a Xadrez Ourense.

Remate de liga fronte ao Xadrez Ourense

A fase regular remata para os de Pablo García o vindeiro sábado no campus vigués fronte ao Xadrez Ourense, que aínda non ten asegurada a permanencia na máxima categoría do xadrez galego, mentres que para os de Vigo ata unha derrota pola mínima sería suficiente para manterse matematicamente no primeiro posto. O encontro poderá presenciarse, en persoa, a partir das 17.00 horas na sala de xadrez do Servizo de Deportes.

Toda a información dos equipos de xadrez da Universidade de Vigo na súa páxina web, www.webs.uvigo/xadrez