DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na División de Honra da Liga Galega

O equipo de xadrez comeza a tempada apostando pola canteira

O conxunto escolar competirá na segunda categoría

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 11/01/2008

Este sábado volve a competición coa primeira xornada da Liga Galega de Xadrez, na que o Universidade de Vigo milita na División de Honra. Os vigueses estréanse recibindo na casa ao Ateneo da Coruña, un dos equipos clásicos desta categoría que adoita estar na parte alta da táboa clasificatoria loitando polos primeiro postos.
Para afrontar esta nova tempada, o equipo conta cunha nova incorporación, a de Miguel Senlle, de 16, que confirma a aposta do club pola canteira e o compromiso da Universidade de apoiar o xadrez escolar na cidade de Vigo.
Este cambio de perspectiva confírmaa o capitán, Pablo García, cambiando po completo a orde do equipo e confiando fortemente pola formación da canteira, xa que Manuel Pena e Miguel Senlle defenderán os primeiro taboleiros do conxunto.
Este primeiro encontro terá lugar na aula de xadrez do campus universitario de Vigo o sábado a partir das 17.00 h, o que se manterá para todos os enfrontamento do equipo como local. A entrada é libre e gratuíta.

O equipo escolar

Froito do esforzo por fomentar o xadrez entre os rapaces e os centros educativos, o equipo escolar comeza esta nova tempada na segunda división da Liga Galega. Despois do xogo despregado durante o pasado ano, semella que poder ser un dos favoritos para o ascenso á Primeira División.
Este ano xogarán o equipo está novamente conformado por Daniel Vila, Brais Otero, Rubén Alonso e Samuel Villar, todos eles menores de 16 anos, e aos que se lle unirán Marina Aguirre e Xosé Luís Cebrián.
Nesta primeira xornada reciben, tamén na casa, ao Academia Copérnico de Pontevedra, descendido na pasada tempada da Primeira División. Semella un dos rivais máis fortes da categoría, polo que este encontro, servirá para mediar a dous candidatos ao ascenso. Os encontros como local do equipo escolar terán lugar nas instalacións de Xadrez Galego, na Rúa Reiseñor de Vigo.

Falecemento de Fernando Marcote

O comezo da tempada da Liga Galega de Xadrez está marcado polo falecemento o pasado día 2 de Fernando Marcote Villar. Apaixonado do xadrez e fervente defensor dos seus valores no ámbito da Educación, foi pioneiro na introdución deste deporte dentro do currículo nos seus Centros de Ensinanza e foi quen de traer a Galicia ao número un mundial Kasparov. Marcote contribuíu, en gran medida, na formación dos mellores xogadores galegos e incluso nacionais, xa que formou na súa escola a Paco Vallejo, o mellor xogador na historia de España. No seu gran legado quedan tamén a organización do “Peón de Ouro”, o torneo máis importante a nivel nacional para menores de 18 anos, ou a impresionante marca de ser o campión de todas as edicións da Liga Galega de Xadrez na súa máxima categoría.