DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por segundo ano consecutivo

O equipo de xadrez proclámase campión da Liga Galega na División de Honra

O conxunto de baloncesto caeu derrotado en Xove e o Ednon TRC non puido acadar a segunda posición

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 30/03/2009

Como xa era de esperar, o Universidade de Vigo de Xadrez proclamouse campión da Fase Regular da Liga Galega de División de Honra. Os vigueses tíñano nas súas mans e xa non quixeron agardar polos resultados dos demais equipos derrotando, nun dos mellores encontros da tempada, ao Arteixo A por 0,5 a 5,5.
Os xogadores universitarios comezaron o encontro ao máximo nivel de concentración. Manuel pena abriu o marcador, seguido das vitorias de Rafael Rodríguez, Roberto Paramos, Francisco Carrera e Benito Sánchez. Cos cinco puntos xa logrados, suficientes para convertérense en campións, Avelino Leiros firmaba o reparto do punto final.
Tras este resultado, os xadrecistas vigueses acadan por segundo ano consecutivo o primeiro posto na máxima categoría da Liga Galega de Xadrez. O seu capitán, Pablo García, sinala que “ademais de ser un premio á regularidade do equipo, este resultado representa unha vitoria moral importante sobre o Marcote A”, o conxunto de maior orzamento de Galicia, un dos mellores a nivel nacional e cunha nómina de Grandes Mestres Internacionais de elevado nivel entre os que destacan o número un español, Pazo Vallejo, e Iván Salgado. Neste senso, García explica que “o Marcote levaba 15 anos sendo o dominador absoluto do xadrez galego ata que o Universidade de Vigo apareceu en escena, para demóstralle cómo un equipo unido e con acento galego podía marcarse metas tan altas como arrebatarlle o primeiro posto, algo impensable anos atrás”.
Agora, o seguinte reto para os vigueses é a Final a catro, na que se decidirá cal é o club campión de Galicia. O día 25 de abril disputaranse as semifinais, onde o primeiro enfrontarase ao cuarto e o segundo ao terceiro. Deste xeito, o Universidade de Vigo, recibirá ao Círculo Ferrolán e o Marcote xogará fronte ao Alexandre Bóveda da Coruña. A final celebrarase o 9 de maio e, en valoración do capitán vigués, “se non hai sorpresas agárdase un apaixonante encontro entre o Universidade e o Marcote, que traerá as súas grandes estrelas da elite mundial”.
Por outra parte, este sábado da comezo en Padrón o Campionato Galego Absoluto que se prolongará ata o venres 10 de abril, disputándose unha rolda por xornada. Nel, o Mestre Internacional Pablo García, e vixente Campión Galego, tentará defender o seu título nunha competición na que a Universidade de Vigo é unha das claras favoritas a levarse o triunfo, xa que, ademais do capitán, agárdase a participación de Avelino Leirós e Manuel Pena, que ven de renovar o primeiro posto no Campionato Galego Universitario Absoluto, celebrado a semana pasada no edificio do Servizo de Deportes da Universidade, competición na que tres vigueses tamén acapararon os tres podios da categoría Amateur.

Os xogadores de baloncesto apresuran a súa loita

Os mozos que adestra Cristina Alonso veñen de encaixar unha derrota esta fin de semana ante o Centro Óptico Xove. Un campo a priori complexo, onde só gañaron dous equipos no que vai de tempada, unha viaxe pesada de varias horas e un número considerable de baixas foron motivos máis que suficientes para o 85-78 final. “Foi unha pena, xa que foi un partido que conseguimos endereitar pero non soubemos rematar”, lamentábase a adestradora, subliñando que “nun desprazamento tan difícil como este sería unha loable vitoria, máis aínda tendo en conta a situación actual do equipo”. Neste senso, Alonso recorda que dende hai seis semanas só dispón de sete xogadores sénior, debido a ausencia de catro, dous deles titulares.
No primeiro cuarto, o conxunto lucense xa mandaba no marcador 21-13 e durante o segundo cuarto os vigueses comezaron a tomar contacto co partido, conseguindo reaccionar e chegar ao descanso cun 38-39, “a clave aquí foi Marco Pereira, que se amosou determinante en ataque logrando 19 dos seus 29 puntos finais”, explica Alonso. No terceiro cuarto as cousas volvéronse trocar e “colléronnos por sorpresa en defensa”, empatando o encontro con cinco triplos consecutivos. Na última parte, que se prevía igualada ata o final, a adestradora optou por dar descanso ás pezas clave do equipo nos primeiros minutos; froito doutro triplo e á falla de só dous minutos, os de Xove puxéronse seis puntos por diante, foi entón cando Alonso ordenou unha presión e recortaron distancias no último intre, onde “unha falta discutida a un xogador dáballes aos lucenses uns tiros libre que non erraron”. Os derradeiros segundos convertéronse nun xogar a contrarreloxo, “facendo falta para que non correse o tempo e buscando tiros rápidos”.
Deste xeito, o Universidade de Vigo de baloncesto permanece na sexta posición da táboa, con 40 puntos e a só cinco do líder, o CB Mos Noribérica. Aínda cumprindo o obxectivo do club da permanencia, “a nosa expectativa ía máis alá, conseguindo quedar entre os catro ou cinco primeiros”, apunta Alonso. Agora, o plantexamento de xogo e de preparación, física e táctica, adecuarase ao número de integrantes para seguirlle sacando rendemento ao equipo na competición. A cinco xornadas do final de liga, “o noso propósito xa non pasa por competir polas tres primeiras posición, senón por quedar situados o máis arriba posible, nunha tempada que, ante todo, foi exitosa e sería espectacular de seguir traballando co cadro de xogadores ao completo”, concluía a adestradora.

O Ednon TRC cae ante o líder por 49-12

Finalmente non puido ser e as poucas esperanzas dos vigueses de optar a disputar a fase de ascenso esfumábanse. Previo ao encontro fronte o Gernika, o Ednon TRC xa coñecía, o sábado pola tarde, a contundente vitoria do Hernani en Avilés por 7 a 63. O Universidade viaxaba ao País Vasco con nove baixas e, aínda así, chegaba ao descanso cun resultado, 13-5, posible de remontar; xa na segunda parte todo se volveu en contra dos de Aníbal Babini perdendo por un 49-12, cuestión que non debe envurullar a gran tempada realizada, na que acadaron o terceiro posto.