DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os equipos B e feminino de rugby enfróntanse esta fin de semana aos seus rivais no campus de Vigo

O equipo de xadrez da Universidade, favorito no encontro ante a USC este sábado

O conxunto escolar de xadrez disputará o seu primeiro partido fronte ao CFX-Mc Donalds

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 15/01/2010
A capital galega acollerá este sábado un novo encontro entre os equipos da división de honra de xadrez. O conxunto da Universidade de Vigo medirase ante o seu igual, o Universitario de Santiago de Compostela, nun encontro ao que o equipo vigués chega despois da vitoria acadada na derradeira xornada, que o elevou ao primeiro posto da clasificación xeral. Pola contra, o conxunto da USC non está pasando pola súa mellor racha, xa que segundo indicou Pablo García, capitán do equipo de xadrez da Universidade de Vigo “o equipo compostelán baixou moito nos últimos anos, sobre todo pola falta de xogadores, polo que somos os favoritos para gañar este encontro”. Dado que o conxunto vigués xa ten a súa praza asegurada na liga galega e está clasificado para participar no Campionato de España de Primeira División 2010, o capitán do equipo ofrecerá neste encontro a oportunidade de debutar aos rapaces máis novos da canteira. “Trataremos de acadar un resultado o máis avultado posible e conseguir puntos que nos distancien do noso principal rival na liga, o Marcote A” declarou Pablo García.
Mentres, esta fin de semana, o equipo escolar iniciará tamén a súa actividade na liga galega, despois de que a meteoroloxía impedise a celebración do encontro previsto para semana pasada. O Universidade de Vigo- Xadrez Galego estrearase na segunda rolda do grupo C da primeira división, na que se enfrontará ao CFX-Mc Donalds, de Vilagarcía de Arousa. Nestes momentos, o conxunto rival ocupa o segundo lugar na clasificación xeral, na que o equipo vigués non ostenta ningún posto á espera de participar no seu primeiro encontro da liga.

Os equipos B e feminino de rugby enfróntanse aos seus rivais no campus de Vigo

Esta fin de semana o campo de rugby vigués acollerá os encontros que disputarán o equipo B e o conxunto feminino de rugby. Os xogadores da primeira rexional enfrontaranse ao Maseda R.C. este domingo 17 de xaneiro, despois de que ambos conxuntos fosen derrotados na derradeira xornada. Na actualidade, o Universidade de Vigo ocupa o sexto lugar na clasificación, cun total de 11 puntos, mentres que o Maseda písalle os talóns situándose un punto por baixo do conxunto vigués. Neste encontro, o equipo B loitará por escalar postos na táboa e afastarse dos seus principais rivais.
Por outra banda, as xogadoras do equipo feminino da Universidade enfrontaranse este sábado ao Lalín R.C., partido no que aproveitarán todas as oportunidades para mellorar os resultados obtidos nos últimos encontros.

Reinicio da Escola de Rugby Infantil e chamamento dos equipos xuvenís e cadete

Despois das vacación de Nadal, os máis cativos volverán xogar na Escola de Rugby Infantil, que se reanudará este sábado en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas. No caso de que a climatoloxía resulte adversa, as actividades trasladaranse ao pavillón universitario.
Por outra banda, o Comité de Selección da Federación Galega de Rugby convocou este domingo aos xogadores das seleccións xuvenil e cadete, entre as que se atopan os equipos da Universidade de Vigo, con motivo da preparación dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas. Deste xeito, o Comité escolleu unha relación de xogadores pertencentes aos diferentes equipos de ambas seleccións, que participarán nunha xornada de adestramento que terá lugar no campo de rugby de Acea da Ma, na Coruña.