DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os encontros de baloncesto suspendéronse por mor do temporal

O equipo de xadrez Universitario Ourense logra un empate 2-2 contra o Ponteareas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 02/02/2009

O mal tempo que estamos a padecer este inverno tamén provocou alteracións nas xornadas deportivas da fin de semana. Os que seguiron adiante a pesar das inclemencias meteorolóxicas foron os xogadores de xadrez, aínda que a boa sorte novamente non estivo da súa banda. O equipo Universitario Ourense parecía que o ía ter doado, enfrontábanse contra o Xadrez Ponteareas, último clasificado da liga, sen embargo “eles fixérono moi ben e nós non estivemos tan atinados”, comentou Lino Hermida, capitán do equipo. Por este motivo os ourensáns tan só lograron chegar a un empate 2-2. Sen embargo, “non hai que esquecer que nós estreámonos este ano na categoría e aínda acaba de comezar a liga”, explicou Hermida.
O próximo encontro será o sábado 7 ás 17.00 horas contra o CXF-Casa da Xuventude, “un dos favoritos da tempada”, no Edificio de Ferro.

Suspensión da xornada de baloncesto

Seguindo as instrucións da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia en vista da situación meteorolóxica, a Federación Galega de Baloncesto suspendeu a xornada correspondente aos días 31 de xaneiro e 1 de febreiro. Neste senso, os xogadores do Campus Universitario viron modificados os seus plans xa que o encontro que se tiña que ter xogado o sábado 31 non se xogará ata o xoves 19 de marzo. A equipa feminina, sen embargo, non tivo trastornos xa que esta fin de semana estaban de descanso.
Tras este pequeno cambio continuarán os partidos segundo o previsto. As xogadoras enfrontaranse este domingo día 8 ao Seguros La Fe Compañía de María, nun encontro que se xogará ás 17.00 horas no Colexio Compañía de María. Pola súa banda, o equipo masculino terá que verse as caras co C.B. Noia o sábado día 7 ás 17.00 horas no Pavillón Alonso Rodríguez.