DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sitúase entre os oito equipos da élite do xadrez español

O equipo de xadrez xogará o vindeiro curso en 1ª categoría nacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 20/08/2008

O equipo de xadrez da Universidade logrou unha praza para xogar o vindeiro ano en 1ª categoría nacional, unha competición na que tan só participarán oito equipos de toda España, a elite do xadrez nacional. Esta espectacular clasificación logrouse tras disputar na cidade de Lleida o Campionato de España por Equipos de Clube onde logrou catro vitorias e encaixou soamente unha derrota en seis encontros.
O equipo vigués, capitaneado polo Mestre Internacional Pablo García, partía co obxectivo de mellorar a súa clasificación inicial e darlle a oportunidade aos seus xogadores de disputar partidas contra profesionais nacionais e estranxeiros. Sen embargo, e pese a un mal inicio do campionato, o equipo da Universidade conseguiu ascender desde o posto 13 de partida ata un sorprendente terceiro posto que lle dá dereito a xogar en primeira división o vindeiro ano.
A nivel individual hai que destacar a actuación de dous xogadores : Avelino Leirós no 4º taboleiro que gañou as tres partidas que xogou, e Manuel Pena Gómez que foi o mellor xogador do campionato gañando as seis partidas disputadas. Manuel continúa a un altísimo nivel despois de se converter no novo Mestre Internacional do equipo grazas aos resultados obtidos este verán, entre os que cómpre destacar a vitoria no Aberto Internacional sub-20 San Agustín en Avilés e a norma de Mestre Internacional obtida no Aberto da República Checa.
O Xadrez Universidade de Vigo engade así un novo logro neste ano cheo de éxitos tanto nas competicións individuais onde o clube universitario gañou os campionatos galegos sub14, sub16, sub18 e Absoluto, como por equipos onde logrou o 1º posto na fase regular da liga galega e o subcampionato nos playoffs, respectivamente.