DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Fernández Jauregui será o xerente e Emilio Martínez o vicexerente de Recursos Humanos

O equipo xerencial reduce os seus efectivos a tres e os seus salarios por debaixo da media do Estado

Mato confirma que a persoa responsable de internacionalización incorporarase en setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/06/2010

Un xerente e dous vicexerentes, un de Recursos Humanos e outro de Internacionalización, integrarán o novo equipo xerencial da Universidade de Vigo. Unha estrutura que este luns deu a coñecer o reitor Salustiano Mato que destacou tanto a redución de efectivos como de salarios do novo equipo respecto do anterior integrado por sete persoas. Manuel Fernández Jauregui que xa exerceu de responsable da área económica no anterior equipo xerencial, será o novo xerente da Universidade de Vigo, mentres que Emilio Martínez encargarase da Vicexerencia de Recursos Humanos. O equipo completarase coa incorporación o vindeiro mes de setembro dun segundo vicexerente que se encargará da área de internacionalización.
Fernández Jauregui, segundo confirmou Mato, encargarase da coordinación de todo o equipo xerencial, pero tamén da parte económica, responsabilidade que vén exercendo desde hai un ano como vicexerente de Economía do equipo que encabezaba Ana Fernández Pulpeiro. O reitor da Universidade de Vigo gabou o traballo desenvolvido por Fernández Jauregui que tamén exerceu a subdirección de Xesión e SS.XX do Complexo Universitario de Vigo e avanzou que se centrará en cuestións como o “desenvolvemento económico, o plan de financiamento e a busca de recursos”, dixo Mato.
Sobre Emilio Martínez,que ata o ano 2009 foi director xerente da SA para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e con anterioridade, técnico superior da Oficina de Investigación e Tecnoloxía da USC, o reitor destacou a súa relación co mundo empresarial e a cultura da innovación, así como o seu labor de coordinación dunhas 40 ONG,S, o que segundo Mato, “acredita o seu coñecemento e sensibilidade deste sector o que nos pode axudar a mergullarnos en países de Ásia e África”.
En canto á persoa que se ocupará a área de internacionalización, o reitor confirmou que se incorporará ao equipo o vindeiro 1 de setembro unha vez se peche a negociación que se mantén neste momento. “Das opcións nas que traballamos”, dixo Mato, “a principal é unha persoa que vén de fóra e que está nun destino europeo. Pola súa banda hai dispoñibilidade e agora quero que a coñeza o resto do equipo”. Ademais de cuestións relacionadas coas relacións internacionais esta Vicexerencia tamén se encargaría de tema relativos a transferencia.

Menos persoas, menos salario e diálogo permanente cos representantes sindicais

Ademais de experimentar un destacado recorte no número de efectivos respecto do equipo anterior, pasándose de sete a tres persoas, o novo equipo xerencial, segundo confirmou o reitor, verá reducidos os seus salarios de forma significativa, “situándose”, sinalou Mato, “por debaixo da media do Estado e das universidades da nosa contorna”. Así, o xerente percibirá 80.000 e os dous vicexerentes 60.000 euros ao ano, unhas cantidades que o reitor lembrou que no caso do xerente pouco ten variado respecto hai unha década cando percibía 70.000 euros, mentres que no dos vicexerentes sitúase na liña dos catedráticos de Universidade algo por riba dos xefes de servizo da Universidade.
En canto ao resto de persoal que traballará na Xerencia, o reitor confirmou que non se producirá ningún tipo de redución ao tratarse de persoal funcionario.
Preguntado pola relación que desde a Vicexerencia de Recursos Humanos, prevén manter cos representantes sindicais do traballadores, o reitor avogou polo diálogo permanente ao tempo que asegurou que “é fundamental que deberes dos traballadores e traballadoras estean claros e os dereitos recoñecidos”. En relación co recurso presentado polo sindicato CIG contra a Oferta de Emprego Público, Mato confirmou que xa pediu un informe ao xerente para saber en que punto se atopa ese recurso e se é posible actuar.

Facendo máis con menos e boas sensacións sobre Campus do Mar

Trala interpelación do presidente da Xunta o pasado venres no seu acto de toma de posesión como reitor da Universidade de Vigo para que faga máis con menos, Salustiano Mato, afirmou hoxe a preguntas dos xornalistas sobre estas palabras de Núñez Feijóo que o novo equipo de Xerencia é un exemplo de que “estamos facendo máis con menos”. O reitor asegurou que “nós imos traballar para facer máis con menos, pero que na medida na que el nos axude poderá facer polo país mais con menos”. Considera interesante a reflexión do presidente da Xunta pero insiste en que debe ir acompañado de “non premiar a ineficiencia perpetuándoa. E aí espero que esteamos en sintonía”.
Polo demais Mato expresou hoxe as súas “boas sensacións” en relación coa posibilidade de que o proxecto de Campus do Mar sexa un dos seleccionados na primeira fase da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. “As conversas que mantiven co Ministro ou o Secretario de Estado transmítenme boas sensacións”, dixo o reitor que insistiu que sería unha moi boa noticia para a Universidade a que o proxecto acade a excelencia internacional.