DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O consultor e inventor Pep Torres protagonizou un coloquio no marco da Semana da Creatividade

Na era da intelixencia artificial, o “algoritmo humano” convértese en determinante

A programación continúa xoves e venres coas Xornadas de Pensamento e Creación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Emprender
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 25/04/2023

“Xerar colisións inesperadas é o que fai que pasen cousas que non podías prever. E iso non o fai unha intelixencia artificial, iso faino un humano”, sinala o consultor, creativo e inventor Pep Torres, que este martes protagonizaba un coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no marco da Semana da Creatividade e da Innovación. Director creativo da consultora Atmira, Torres afondou nos cambios que está a xerar o desenvolvemento da intelixencia artificial e que, xunto a outra serie de innovacións tecnolóxicas, provocarán que “en 2024 o mundo vaia ser irrecoñecible”. Mais, ao mesmo tempo, estes avances tecnolóxicos fan que a creatividade e as persoas que responden a “perfís creativos transversais” teñan un “infinito valor”, ao xuízo deste profesional, que buscou nesta actividade pór de relevo a importancia que ten o “algoritmo humano”, as persoas “capaces de pensar, de imaxinar, de xerar o obxectivo e estratexia que necesitas”.

“Esa parte da creatividade é o que lle falta á intelixencia artificial”, sostivo Torres respecto do eixo central dun coloquio ao que, partindo desa idea, deu o título de Revolution mind. O poder do algoritmo humano. Enmarcada na programación impulsada polo Campus Crea, esta actividade tivo de feito como punto de partida a propia traxectoria profesional do conferenciante, que ademais de traballar como director creativo para Everis ou NTT Data é tamén músico e ilusionista, ademais de inventor. De feito, Torres impulsou entre 2011 e 2017, como “un proxecto persoal”, o Museo de Ideas e Inventos de Barcelona e unha das súas propostas, unha máquina de vending que funcionaba con pedais, formou parte en 2009 na lista dos mellores inventos do ano da revista Time.

Fronte á especialización, diversidade de intereses

A súa propia traxectoria profesional serviu a Torres para pór o foco na importancia que ten neste contexto unha “creatividade transversal”, perfís creativos non especializados nun ámbito concreto, senón “polifacéticos” e que poidan “achegar valor” en diferentes departamentos dunha empresa ou organización. “Eu non son publicista, nin inventor. Eu son creativo, fabrico ideas”, sostivo nese senso o conferenciante, que defendeu a importancia de potenciar perfís que non se especialicen nun único ámbito, senón que respondan a múltiples intereses. De aí que incidise na idea da “persoa renacentista, aplicada a día de hoxe”, na importancia de “perfís totalmente transversais moi creativos”, xa que son, ao seu xuízo, este tipo de profesionais con diferentes habilidades os que son capaces de “xerar colisións creativas que outros non poden facer”.

Xornadas de Pensamento e Creación

Este coloquio enmárcase na programación da Semana da Creatividade e da Innovación, na que se insiren tamén as Xornadas de Pensamento e Creación, un ciclo de conferencias, actuacións musicais e proxeccións que se desenvolverá na tarde do xoves e do venres na sede da Vicerreitoría. Organizadas coa colaboración da Aula Castelao de Filosofía e abertas ao público, estas xornadas teñen no cinema o seu eixo central e abriranse o xoves ás 18.00 horas cunha conferencia da cineasta Ángeles Huerta, cuxa última longametraxe, O Corpo Aberto, convertíase hai unhas semanas na máis película máis premiada nos Mestre Mateo, logrando entre outros os galardóns á mellor película, dirección e guión. Ás 20.00 horas, esta actividade continuará coa actuación musical de Paulo Pascual, autor da banda sonora do documental Negro Púrpura, a primeira realizada integramente cun theremín.

O venres 28, a programación continúa coa proxección, ás 19.30 horas, do documental Doe o Courel, un filme que afonda nas consecuencias que tiveron os incendios sufriu esta serra en xullo de 2022, a través das vivencia daqueles que os sufriron en primeira persoa. A película será presentada polo seu director, Xacobe Meléndrez Fassbender e tras a súa proxección, as xornadas pecharanse, ás 21.00 horas, cun concerto de Samudrá Trío, unha formación integrada pola pianista Yamini Teresa Prabhu, a violonchelista Jimena Andión e a frautista Laura Lorenzo. Recoñecida o pasado ano co Premio Martin Códax na categoría de música clásica e contemporánea, Samudrá Trío estreaba recentemente o seu primeiro disco, Odisea, que presentan como "unha viaxe musical por catro continentes".

Alén deste ciclo, na programación desta Semana da Creatividade insírese tamén a conferencia que este mércores impartirá na Facultade de Comunicación o responsable da empresa Daveiga, Xosé Lois Lamazares, promovida coa colaboración da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e o Concello de Pontevedra; así como a xornada Emprender en medios sociais, impulsada polo proxecto HEI4Future, que terá lugar o xoves na Casa das Campás e na Facultade de Belas Artes.