DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seo das xornadas de Xéneros na Arte

Erika Bornay analiza a dobre moral burguesa que rexeitou a representación realista da muller na arte do século XIX

Lurdes Vázquez, hoxe, e Patricia Mayayo, mañá, tratarán o papel da muller artista na historia da art

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 10/12/2009

Courbet, Daumier, Manet, Degas ou Toulouse-Lautrec son algúns dos artistas da segunda metade do século XIX máis coñecidos e estudados pola revolución formal que supuxo o seu traballo na historia da arte. Non obstante, a temática dos seus cadros supuxo tamén unha revolución moral. Analizar os cambios que introduciron na representación artística da muller foi o obxectivo da conferencia impartida onte por Erika Bornay no seo das xornadas de Xéneros na Arte, organizadas pola Aula de Filosofía Castelao e patrocinadas pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.
Co título A muller real versus a muller ideal a finais do século XIX, esta profesora da Universidade de Barcelona, autora de ensaios como Las hijas de Lilith ou Arte se escribe con M de Mujer, revisou os cambios económicos e sociais derivados da revolución industrial e das teorías científicas positivistas, que contribuíron á emerxencia dun novo sentido do real. Isto trasladouse á arte coa aparición dun novo movemento, o realismo, que deu lugar á representación dun tipo de muller real, contraposto á imaxe idealizada dun romanticismo que xa esmorecía, e que suscitou un forte rexeitamento entre as clases burguesas.
Obreiras, planchadores, lavandeiras e meretrices pasaron a ser os principais modelos femininos deses pintores. “Amosaron o corpo de muller cunha maior fisicidade, coa naturalidade das tarefas da vida cotiá e mesmo sucios”, explicou Bornay, que indicou que isto supuxo unha “desacralización do espido, non aceptada por supostamente quebrantar as normas do decoro”. Neste sentido Bornay sinalou que “o que ofendía non era o corpo nu, senón como se representaba, sen o envoltorio mitolóxico”. Dese comportamento dedúcese, segundo a profesora, a “dobre moral e a hipocrisía” da clase burguesa. “No Salón de París extasiábanse con cadros agradables de contemplar pola súa perfección formal e a vistosidade dos seus temas, pero que non tiñan veracidade”, sinalou, ao tempo que salientou que o que representaban non era máis que un “corpo feminino cousificado e como obxecto de desexo”. A desaprobación do traballo destes artistas obedecía, segundo Bornay, “a prexuízos políticos enmascarados de argumentacións estéticas”, á desconfianza burguesa ante a posible sublevación do proletariado e, no seu caso concreto, da muller con maior presenza no espazo público e un comportamento máis libre.

A visibilidade da prostitución trasladada á arte

A principal mudanza asociada á revolución industrial foi, segundo Bornay, o aumento da poboación e a maior condensación urbana debido aos movementos migratorios dende o ámbito rural. “As cidades convertéronse en metas para a supervivencia, no lugar onde atopar traballo e a emancipación das comunidades tradicionais”, precisou. Así mesmo, a profesora lembrou como os procesos de urbanización provocaron miseria, enfermidade e criminalidade, co consecuente desprestixio da clase obreira. Neste contexto, as posibilidades da muller inmigrante situábanse na industria, sobre todo téxtil, no servizo doméstico e na prostitución, que acadou unha gran visibilidade social. Esa maior presenza da prostitución trasladouse tamén ás manifestacións artísticas. Aludiu neste senso a numerosas obras, entre elas o cadro Olimpia de Éduard Manet, que tivo que ser custodiado pola policía ante o rexeitamento xeralizado. Na súa opinión esta obra supuxo un cambio tanto formal coma moral, “de desublimación da arte e tamén das relacións entre os dous sexos”.
Con todo, quixo recalcar que quen creou estes cadros foron artistas homes, pois as pintoras impresionistas non pintaban escenas de cafés-concerto ou boulevares, senón maternidades, mulleres lendo e outras escenas da vida cotiá e doméstica. Amosou, para rematar, unha serie de fotografías de mulleres da época, a maioría delas artistas ou escritoras acostumadas a viaxar, para constatar como a súa aparencia difería desa imaxinería artística “que estaba na cabeza dos artistas homes”.

A Historia da Arte desde a perspectiva das mulleres artistas

En contraposición a ese estudo da representación da muller nas artes plásticas, as dúas sesións restantes das xornadas Xéneros na Arte centraranse na segunda vertente de análise da arte cunha visión de xénero: a investigación sobre a muller artista, silenciada pola historiografía oficial. Hoxe será a quenda de Lurdes García Vázquez, profesora de Historia da Arte no ensino secundario, que impartirá a conferencia titulada Mulleres artistas. Outra mirada na Historia da Arte. Docente do IES do Castro de Vigo, Lurdes García realizou un arduo traballo de investigación para rescatar o labor realizado polas mulleres artistas desde a Idade Media ata hoxe.
Pola súa parte, Patricia Mayayo, profesora de Historia da Arte na Universidade Autónoma de Madrid, será a encargada de clausurar as xornadas, co relatorio Intervencións feministas na(s) historia(s) da arte. O seu obxectivo é revisar a historiografía da arte desde un punto de vista feminista, para reescribir outras posibles historias da arte e reparar a omisión sistemática das mulleres artistas do discurso hexemónico. Ten publicados varias obras que recollen os seus estudos neste eido, como é a titulada Historia de mujeres, historia del arte ou as centradas en artistas como Louise Bourgueois e Frida Kahlo, contra el mito.