DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación Alumni premiou o labor do presidente do Consello Social

Ernesto Pedrosa chama a estreitar lazos entre sociedade e a Universidade da que é ‘amigo distinguido’

No acto celebrado en Pontevedra, recoñeceuse tamén aos vicepresidentes José Luis Vázquez e Francisco

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 23/11/2017

Como un acicate para seguir traballando polo “éxito da Universidade e por achegala á sociedade” recibiu este mércores Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, a medalla de Amigo Distinguido 2016, que, nun acto celebrado no Casino de Pontevedra, lle outorgaba a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos Alumni. O seu labor a prol da institución académica e a súa “decidida colaboración” coa actividade deste colectivo foron destacados polo seu presidente, José María Franco, nun acto que contou coas intervencións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; e do presidente do Consello Social da Universidad de Oviedo, Ladislao Azcona, no que Alumni recoñeceu tamén o labor dos seus vicepresidentes dos campus de Vigo e Ourense, José Luis Vazquez e Francisco Novoa.

Unha universidade para tempos de cambio

Trala imposición dunha medalla que, na anterior edición, Alumni outorgara ao primeiro reitor da institución, Luis Espada, Pedrosa quixo facer extensivo o recoñecemento “a todos os membros do Consello Social e a toda a comunidade universitaria”, aos que chamou a traballar para “conseguir que o camiño que compartimos Universidade e sociedade sexa cada vez máis útil”. Presidente desde 2011 dun órgano do que entrou a formar parte en 2003 e no que exerceu como vicepresidente desde 2004, este avogado pontevedrés iniciou a súa intervención lembrando que “os novos tempos requiren unha nova universidade”, xa que “ningunha outra institución pode adentrarnos no que non sabemos, axudarnos a comprender un mundo tan complexo e mutable e conducirnos polo camiño do desenvolvemento”.

Por todo iso, Pedrosa defendeu universidades que “amplíen a súa excelencia académica e científica”, xeren valor na súa contorna e conten cunha maior avaliación externa e un maior financiamento por resultados, “e en todo isto a Universidade de Vigo cumpriu perfectamente o seu labor”. O presidente do Consello Social situou como un dos “grandes retos” do ensino superior “o achegamento dos plans de estudos á realidade empresarial e social”, ao tempo que puxo en valor o papel “dos alumni e, por extensión,dos egresados, cerca de 74.000”, nese obxectivo de que “Universidade e sociedade sincronicen as súas accións, o que motiva a elaboración dunha “completa base de datos” de titulados e tituladas na que traballa o Consello Social.

Enlace coa contorna

Nun acto que contou con numerosos representantes do tecido social e empresarial de Pontevedra, a instititución académica estivo representada, entre outros, pola súa secretaria xeral, Gloria Pena; o xerente, Manuel Fernández Jáuregui; a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, quen salientou a “amplitude de miras e visión de conxunto” de quen recibía un “máis que merecido recoñecemento”. Corbacho salientou a “frutífera e leal colaboración institucional” do Consello Social ao longo dos últimos sete anos, ao tempo que puxo de relevo as funcións e actuacións dun órgano “que é o enlace que nos une á nosa contorna”. Nese senso, o vicerreitor puxo de relevo o labor deste órgano “no impulso de actuacións que propicien un maior achegamento dos estudantes ás demadas do mundo laboral”, o seguimento aos egresados ou o impulso “pioneiro” ás Xornadas de Fundraising e Mecenado, xa que, “no ámbito da captación de fondos aínda queda moito por facer, pero estamos a abrir o camiño para avanzar na dirección axeitada”.

Por todo isto, Corbacho salientou que o Consello Social “é parte indispensable do día a día da Universidade”, nun acto no que Alfonso Rueda incidiu tamén na importancia de “abrir a universidade á sociedade para mantela vixente”. De aí que puxese de relevo o labor de persoas como Pedrosa e cualificase a homenaxe promovida por Alumni como un “pequeno acto de xustiza”.

Na busca da excelencia

Previamente, José María Franco afondou nas accións e obxectivos de asociacións como a que preside, “que non teñen o arraigo co que contan noutros países como anglosaxóns” pero si “vocación de permanencia e de estreitar lazos coa sociedade”, mentres que o xornalista e empresario Ladislao Azcona encargouse de impartir a conferencia de apertura. O presidente do Consello Social da Universidade de Oviedo incidiu na necesidade de “traballar por unha universidade de maior calidade, xa que non hai ningunha en España que se atope entre as 200 mellores do mundo”. Nese senso, Azcona avogou por buscar a excelencia e por “establecer mecanismos para incentivar a participación das empresas” nas institucións académicas, así como por unha maior conexión dos estudos co mundo laboral.