DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O avogado pontevedrés sucerá no cargo a Emilio Atrio

Ernesto Pedrosa Silva presidirá desde este venres o Consello Social da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 22/09/2011
O avogado pontevedrés Ernesto Pedrosa Silva presidirá deste este venres o Consello Social da Universidade de Vigo despois que hoxe o Diario Oficial de Galicia fixese oficial o seu nomeamento.Tras oito anos no Consello, Pedrosa, sucerá no cargo a Emilio Atrio Abad que o pasado 28 de xuño agotaba o mandato máximo de oito anos á fronte do organismo universitario.

Vicepresidente do Consello Social desde o ano 2004, Ernesto Silva entrou en 2009 a formar parte do Comité Executivo da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Públicas Españolas. Desde este venres o avogado pontevedrés exercerá a presidencia do organismo que ten entre as súas tarefas a aprobación do orzamento anual da Universidade; o control das contas da institución; a supervisión do rendemento e calidade dos servizos ou a promoción da colaboración da sociedade no financiamento do ensino e a investigación.

Un Consello totalmente renovado

O nomeamento do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo é unha decisión do presidente da Xunta e o conselleiro de Educación, xunto co presidente do Consello Social saínte e o reitor da Universidade. A incorporación de Pedrosa non é a primeira que se produce nos últimos días ao Consello Social que se atopa en pleno proceso de renovación dos seus 27 membros. Con anterioridade ao nomeamento do presidente producíase o dos seis vogais que escolle o Parlamento de Galicia: Mónica Vázquez Blanco, Julio Estévez Fernández, Xesús López Carreira, José Natalio Blanco Sierra, Natalia Zunzunegui Garrido e Antonio Coello Bufill. Agora resta que se produza a designación dos membros que serán elixidos pola Xunta de Galicia, a Universidade, empresarios, sindicatos e representantes dos tres concellos nos que se atopan os campus que integran a Universidade.