DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O avogado pontevedrés é dende hoxe o novo presidente do Consello Social

Ernesto Pedrosa: “A universidade e a sociedade aínda están distantes e teñen que achegarse e buscar a confianza mutua”

Centrará o seu labor en tres eixes de traballo: investigadores, estudantes e empresarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 23/09/2011
O avogado pontevedrés Ernesto Pedrosa Silva é dende hoxe o novo presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, substituíndo no cargo ao tamén avogado Emilio Atrio Abad. Membro do Consello Social dende o ano 2003, Pedrosa Silva, chega agora, “ cheo de ilusión e responsabilidade”, á presidencia dun órgano que coñece en profundidade. Consciente de que non se enfronta a unha tarefa doada, “queda aínda moito por facer”, ten claro que as súas liñas de actuación van xirar en torno a tres eixes fundamentais: investigadores, estudantes e empresarios.

Vicepresidente do Consello Social desde o ano 2004, Pedrosa Silva entrou en 2009 a formar parte do Comité Executivo da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Públicas Españolas. Cheo de eloxios para o seu predecesor, o novo presidente do Consello Social subliña no Duvi os principais ámbitos nos que vai centrar o seu mandato.

Como asume o cargo?
Con moitísima ilusión. Con moitísimas ganas de seguir traballando pola Universidade e pola sociedade, pois non hai que esquecer que o Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade.

Vostede conta cunha longa traxectoria no Consello Social. Agora, dende a presidencia, cara onde enfocará a súa actuación?
Intentarei iniciar unha nova etapa na que seguiremos incidindo en moitas das cuestións nas que xa viñemos traballando durante estes anos e emprenderei novos proxectos. Todo desde a ilusión e a responsabilidade e dedicando todo o tempo que sexa necesario para que este labor sexa frutífero.

Fala de novos proxectos. Que vai ser o primeiro ao que bote man?
Pouco a pouco iremos incidindo en diferentes aspectos. Unha das liñas prioritarias é fomentar os canais externos que propicien o achegamento entre a Universidade e a sociedade en ambas direccións e o Consello Social ten que tomar moitas decisións neste sentido para que a sociedade coñeza a investigación que se fai na Universidade.

E, desde o seu punto de vista, cales considera que son os retos pendentes fundamentais?
Varios, pero poderían resumirse en tres eixes: investigadores, estudantes e empresarios. Tendo isto sempre presente, poderiamos falar desde financiamento ata cuestións da propia gobernanza da Universidade, no máis amplo sentido da palabra. Tamén hai que estar pendente das titulacións, que deben estar axustadas á demanda; da internacionalización, un tema que xa se está potenciando dende a Conferencia de Consellos; das iniciativas dirixidas ao alumnado, sobre todo, no que se refire a temas de calidade e de facilitarlle a súa incorporación ao mercado laboral.

No que a investigación se refire estamos moi interesados en seguir promovendo os cursos para investigadores que se viñan facendo a través do Consello Social, xa que divulgar a ciencia é unha necesidade social e neste aspecto o Consello Social pode axudar moito.

Outro aspecto fundamental é facer pontes cos empresarios. O Consello Social da Universidade de Vigo foi pioneiro na creación dun acto, concibido especificamente para dar as grazas a todo o empresariado que colabora coa Universidade. Son actos que tiveron grande éxito e que trouxeron ata Vigo a personalidades tan destacadas como Ana Patricia Botín ou Ferrán Adriá.

Outro tema candente na actualidade é o dos ránkings e,a este respecto, gustaríame sinalar que estas clasificacións son un punto de referencia importante, pero o que de verdade interesa á Universidade é que sexa eficiente e, por encima de todo, está o beneficio que a propia Universidade debe achegar ao territorio no que está e iso non o miden os ránkings. A Universidade debe ser útil ao seu entorno.

Nexo de unión entre a universidade e a sociedade, considera que a día de hoxe os consellos sociais cumpren estes obxectivos?
Eu penso que a universidade e a sociedade aínda están distantes e teñen que achegarse e buscar a confianza mutua. Esta é a liña na que debemos traballar. A Universidade o que debe achegar é innovación, formación e transferencia do coñecemento.

Recibiu xa algún consello do seu predecesor?
O certo é que como xa levamos tantos anos de estreita colaboración os consellos foron chegando pouco a pouco. O que me dixo agora é que siga a traxectoria que viñemos tendo nos últimos tempos e que cando haxa que tomar decisións, que se tomen.

Como valora a súa xestión ao fronte deste organismo?
Foi unha etapa moi frutífera, que puxo ao Consello Social nun lugar destacado non só a nivel galego, senón tamén nacional. Con Emilio sempre mantiven unha estreitísima colaboración, sempre depositou en min a súa total confianza.