DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida por alumnado da Facultade de Comunicación, insírese nos actos do centenario do club

A 'Érték Conference' alíase co RC Celta para impulsar unha edición centrada no márketing deportivo

Desenvolverase os días 1 e 2 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/02/2023

Nacida en 2019, por iniciativa dun grupo de estudantes da Facultade de Comunicación, como un ciclo de conferencias e mesas redondas dirixidas a achegar ao alumnado as experiencias de profesionais do márketing e a publicidade, a Érték Conference desenvolverá os días 1 e 2 de marzo a súa cuarta edición. Farao da man do Real Club Celta, con quen este grupo de alumnos e alumnas organizou unha programación que terá como eixe central o márketing deportivo. Inserida nos actos do centenario do club vigués, Érték Sports Edition contará coa participación como conferenciantes dunha quincena de profesionais, entre os que se atopan o director de comunicación, a directora corporativa ou o director comercial do Celta e a coordinadora de embaixadores e talentos de LaLiga.

Con entrada gratuíta, previa inscrición, esta Érték Sports Edition será inaugurada, o mércores 1 de marzo, polo presidente de RC Celta, Carlos Mouriño, e a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e reúne no seu programa oito conferencias e tres mesas redondas. Estas permitirán afondar en aspectos como a xestión das redes sociais dunha entidade deportiva, a intelixencia artificial aplicada ao márketing ou o papel que neste ámbito poden xogar os influencers. “O tema principal vai seguir sendo o márketing e a raíz da colaboración co Celta, vaise centrar máis nas súas aplicacións no ámbito deportivo”, explica Sara Piñeiro, unha das estudantes promotoras destas xornadas.

Das redes sociais ao futuro do deporte

Tras o acto inaugural, a Érték Conference arrancará, no salón de graos da Facultade de Comunicación, cunha conferencia do director de comunicación e contidos do RC Celta, Marco Rocha. A continuación terá lugar a primeira das mesas redondas previstas para esta primeira xornada, que porá o foco “no papel de Tiktok e Twitch no márketing deportivo”. Farao a través das intervencións do responsable das redes sociais do club vigués, Berto Carballo; o influencer Miguel Mandayo; o director de novo negocio e estratexia dixital de Bushido Talent, Pablo Rodríguez, e a responsable da axencia Trend, Xiana Vidal, que exercerá como moderadora.

Tamén na mañá do mércores terá lugar unha mesa titulada Construír brand lovers no mundo deportivo, na que intervirán o director comercial do Celta, Carlos Salvador; o responsable de márketing deportivo e comunicación de Estrella Galicia, José Villanueva, e o responsable de comunicación do Atlético Guardés, Borja Refojos. Xa pola tarde, está previsto un terceiro faladoiro, centrado, como explican os responsables destas xornadas, no “futuro do deporte”, coas intervencións do xornalista deportivo Víctor López; Javier Villoria e JRA, da área de e-sports do Celta; un representante da axencia YouPlanet e “dúas sorpresas”, segundo adiantan desde a organización.

Na xornada do mércores tamén está prevista unha conferencia de Fran Carrasco responsable da axencia MolcaWorld, sobre imaxe corporativa e identidade de marca, e un relatorio do fundador de O Marisquiño, Carlos Domínguez. Finalmente, esta primeira xornada pecharase coa intervención da CEO de Galicia Sports 360, Marián Mouriño, dirixida a presentar un proxecto que combina diferentes liñas, desde a cultura, ocio ou o turismo deportivo, ata a investigación e a medicina deportiva.

Influencers e intelixencia artificial

Catro conferencias completan a programación deste evento na mañá do xoves 2, que arrancará coa participación da coordinadora de embaixadores e talentos de LaLiga, Juliana Francini, quen impartirá un relatorio titulado Márketing de influencers. A continuación, o director de arte na axencia Bap & Conde Emmanuel Joven afondará nas aplicacións da intelixencia artificial no márketing. Posteriormente, as xornadas centraranse na responsabilidade social corporativa, da man da directora corporativa do RC Celta, María José Herbón, que impartirá un relatorio titulado RSC e liderado. Finalmente, a cuarta edición destas xornadas pecharase coa intervención de Andrés Weiss, redactor e xestor de redes sociais do dixital especializado en fútbol La Media Inglesa, quen falará das “claves do éxito das redes sociais de clubs deportivos”, como destacan desde a organización.