DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“¿Es loira? Síntete castaña”, reclamo do magosto de Ciencias Socias e da Comunicación

Recadaron fondos para a viaxe de fin de curso

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 20/11/2008

¿Es loira? Síntete castaña. Ese foi o reclamo que empregou un grupo de alumnos de Ciencias Sociais e da Comunicación para celebrar un magosto na facultade. Co poder do arrecendo da comida ás 12 da mañá, foron atraendo aos estudantes do campus a participar e, deste xeito, conseguir fondos para a viaxe de fin de curso que planean realizar os alumnos de Publicidade e Relacións Públicas canda os de Comunicación Audiovisual. Pero non só de castañas se alimentou este magosto. Empanadas, tortillas, chourizos ademais de viño e licor café fixeron as delicias dos máis larpeiros.
O párking da facultade convertiuse nunha auténtica zona de ocio porque, ademais da oferta gastronómica, se situaron tres zonas de xogos: o twister, un panel para probar sorte cos números e o máis popular de todos, o toma castaña, onde a forza de puntería encestábase castañas nunhas caixas adornadas coas caricatuas dalgúns profesores do centro. Do mesmo xeito, estableceuse un photocall co lema do magosto onde os participantes podían levarse unha fotografía de recordo de balde. Ademais, entre aqueles clientes que mercasen un bono-combo realizouse un sorteo de dous pendrive de 4G. A celebración da facultade permanece aberta ao público ata as oito da tarde.