DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Delegación de Alumnos do centro organiza unha campaña de recollida de alimentos

A Escola de Enxeñaría Forestal achega o seu gran de area ás familias con menos recursos económicos

Os produtos serán distribuídos en Ponteareas pola organización Ponte Solidario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 26/03/2014

Profesorado, alumnado, persoal de administración e servizos, traballadores e clientes da cafetería... Todo o mundo na Escola de Enxeñaría Forestal está achegar nestes días o seu gran de área á loita para evitar que a fame chegue ás familias da contorna a través da campaña de recollida de alimentos con fins solidarios que promove a Delegación de Alumnos do centro. Entre o 5 e o 31 de marzo, permanece instalado fronte á cafetería do centro o posto de recollida no que depositar os produtos que, ao remate desta iniciativa, serán distribuídos entre familias con menos recursos económicos da localidade de Ponteareas pola organización sen ánimo de lucro Ponte Solidario.

Dáse a circunstancia de que un dos impulsores desta organización nacida hai un ano neste municipio pontevedrés é tamén alumno da escola e foi o seu relato de “como estaban a ter problemas para proporcionar alimentos básicos ás máis de 65 familias que atenden na actualidade” o que levou aos integrantes da Delegación de Alumnos a “pensar que aquí podíamos facer algo para axudarlles no seu labor”, explica Fran Abilleira, un dos representantes da delegación. “Con esta campaña queremos sensibilizar ao alumnado e ao profesorado, tanto da nosa escola como de todo o campus, de que a fame é unha realidade na nosa provincia e da importancia que ten a participación cidadá na atención deste problema”, engade.

Máis de 200 quilos recollidos

Aínda que se poden doar todo tipo de produtos non perecedoiros, o que máis se precisa nestes intres son conservas de peixe, alimentos infantís e aceite, segundo informan na Delegación de Alumnos, desde onde se recoñecen “sorprendidos pola positiva resposta que está a ter esta iniciativa, á que todo o mundo achega o seu gran de area”, relata Abilleira. Grazas a eles, lográronse reunir xa máis de 200 quilos de alimentos para a súa distribución entre as persoas que máis o precisan. Mais este grupo de alumnos amósase optimista de cara a lograr incrementar en moito esta cifra de aquí ao remate de mes. “Á xente espera sempre a última hora”, apunta Abilleira, que agarda poder superar os 1000 quilos ao remate da campaña.

Por outra banda, esa resposta positiva motiva tamén que desde a Delegación de Alumnos comecen a pensar na posibilidade de facer “nun futuro unha segunda recollida de alimentos para outra organización”, que entenden que sería preferible realizar “en colaboración con todo o campus, de tal xeito que haxa un punto de recollida en cada facultade”.