DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun futuro convenio de colaboración coa Organización Galega de Comunidade de Montes

A Escola de Enxeñaría Forestal convértese en asesora das comunidades de montes veciñais

O alumnado do centro realizará prácticas e traballos sobre este tipo de propiedade predominante no s

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 23/04/2012

A Escola de Enxeñaría Forestal do campus amplía o seu abano de colaboracións. Desta volta, o centro acaba de pechar un acordo de cooperación coa Organización Galega de Comunidade de Montes, a entidade máis representativa das comunidades de montes en Galicia, co obxectivo de que o seu alumnado coñeza polo miúdo a distribución territorial da rexión, achegándose en concreto a un tipo de propiedade que pode ser referente para os seus traballos e prácticas en asesoramento forestal. “A comunidade de montes é unha figura capital para entender o medio rural de Galicia, pois representa un terzo da súa superficie total e a Universidade ten que apoiar a estas comunidades e ser partícipes delas”, explica o profesor Juan Picos, impulsor da cooperación, que se reuniu recentemente con Claudio Quintillán, secretario da organización, para ultimar os últimos detalles do convenio.

Con esta colaboración, a escola pontevedresa pretende que os seus alumnos e alumnas logren un coñecemento máis amplo e profundo “do que é a propiedade veciñal en Galicia”, predominante no sur da comunidade. Para Picos, este achegamento a outras realidades territoriais é básico para ampliar as súas posibilidades laborais, contando con case 3000 comunidades de montes como potenciais clientes. “Canto mellor estean formados neste eido, máis sinxelo será que poidan axudar e asesorar ás xuntas directivas deste tipo de organizacións”, engade.

Por outra banda, o profesor da EE Forestal sinala que este protocolo mellorará as actividades formativas levadas a cabo no exterior “porque non hai mellor lugar para facer prácticas que os montes veciñais que rodean aos campus de Pontevedra e de Vigo, dispondo dunha media de 230 hectáreas que permiten realizar traballos e investigacións dende puntos de vista máis amplos”. Deste xeito, sairán estudos de campo que teñan como protagonista aos montes veciñais “polo que o convenio tamén contempla que a Organización Galega de Comunidade de Montes poida recoñecer traballos fin de carreira con distincións concretas para os seus autores”, aclara Picos.

Os montes galegos, infrautilizados

Claudio Quintillán considera que este tipo de colaboracións son necesarias para que o estudantado da EE Forestal se decate do alcance do monte en man común, “considerado un recurso natural cunha gran capacidade xeradora de rendas”. Así, Quintillán denuncia que nestes momentos o monte galego “está infrautilizado”, xa que, a pesar de que a industria galega da madeira representa o 3,5% do PIB da comunidade, “podería chegar ata o 5% ou ata o 10%, pois existe potencial”, declara. Para este experto do sector forestal o problema reside na falta dun plan de ordenación do monte “que estableza unha liña xeral que guíe as decisións e os investimentos cara un mercado testado”. Ante esta falta de información, as comunidades de montes necesitan de técnicos cualificados que asesoren e formen ás xuntas directivas das organizacións, “de aí que sexan necesarios enxeñeiros e enxeñeiras forestais coñecedores da nosa realidade e que sexan quen de elaborar plans de ordenación fiables cunha panorámica xeral e cunha visión de mercado futuro para optimizar a produción dos nosos montes”, aclara Quintillán.

Un pouco de historia

Claudio Quintillán e Juan Picos coinciden en que a sociedade non é consciente da bagaxe histórica das comunidades de montes veciñais, “procedentes do dereito xermánico, dende tempo inmemorial e de pais a fillos”, puntualiza Quintillán. Para Picos, a comunidade de montes é a figura máis ancestral da custodia do territorio e característica de Galicia “xa que representa o 90% de todas as comunidades de España”. Apunta ademais que a Universidade é “debedora” da figura do monte veciñal “xa que os campus de Vigo e de Pontevedra están construídos sobre este tipo de propiedade que foi cedida para cubrir un interese público maior”.