DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito da fusión da escola universitaria e da escola técnica superior, impartirá seis graos e 11 mes

A Escola de Enxeñaría Industrial será o segundo centro de Galicia coa oferta docente máis completa

Con sedes no campus de Vigo e Torrecedeira, nela impartirán docencia 350 profesores

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/06/2010
Con preto de 5000 estudantes, 350 docentes e 15 departamentos implicados, a Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo será o segundo centro de Galicia coa oferta docente máis completa, só superada pola Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Nacida da fusión da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial e da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, a nova escola impartirá a partir do vindeiro curso un total de seis graos e 11 mestrados, adaptados todos eles ao Espazo Europeo de Educación Superior.
O vicerreitor de Planificación, José Cidrás e o directores das escolas universitaria e técnica superior, Carlos Vivas e Luís González Piñeiro, respectivamente, destacaron na presentación da nova escola e da súa oferta docente, o importante esforzo realizado ao longo dos últimos meses e a implicación de moitas persoas para acadar unha fusión “complexa” tendo en conta a personalidade de cada un dos centros que a integran. A nova Escola de Enxeñaría Industrial desenvolverá a súa actividade nas dúas sedes das escolas universitaria e técnica superior, localizadas na rúa Torrecedeira de Vigo e no campus de Lagoas Marcosende, respectivamente. Cunha previsión para o vindeiro curso duns 600 matriculados, estes serían distribuídos en 10 grupos de 60 persoas, dos que, segundo explicou Luís González Piñeiro, “seis estarían na sede da cidade e os outros catro na sede do campus”.

Media ducia de graos e 11 mestrados

Seis graos e 11 mestrados conforman a oferta docente da Escola de Enxeñaría Industrial. No caso do graos, segundo confirmou o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, o principal reto foi adaptar a oferta existente ao EEES mediante a conversión das titulacións existentes, unhas de tres anos e outras de cinco, a catro . “O resultado do traballo de adaptación son seis novos graos que funden todas as especialidades, intensificacións e orientacións que estaban nos anteriores títulos de tres e cinco anos”, sinalou Cidrás que detallou a oferta docente que se impartirá a partir do vindeiro curso e que estará conformada polos graos en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais; Enxeñaría Eléctrica; Organización Industrial; Mecánica; Electrónica Industrial e Automática e Química Industrial. “O paso da actual enxeñaría técnica ao grao”, explicou Carlos Vivas, “é menos problemática que a situación que se tivo na escola superior, porque a lei permitía por cada enxeñaría técnica crear un grao, de xeito que o paso era máis directo. No caso da escola superior ao non aparecer un grao que fose enxeñaría industrial, houbo que recorrer a tecnoloxías industriais que parecía o máis axeitado”. En canto ao límite de prazas fixado para o vindeiro curso nos seis graos é de 75 prazas en Enxeñaría Eléctrica; 120 en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática; 80 en Enxeñaría en Organización Industrial;80 en Enxeñaría en Química Industrial; 200 en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e 180 en Enxeñaría Mecánica.
A oferta docente da escola complétase con 11 mestrados dun ano e outro de ano e medio centrados en ámbitos como a contaminación industrial, a enerxía e a sustentabilidade, a edificación, a soldadura, os riscos laborais ou as enxeñarías química e térmica. “Trátase dunha oferta cun perfil maioritariamente profesionalizante, agás os mestrados en Enxeñaría Química, Enxeñaría Térmica e Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria, deseñados para a investigación”, explicou Cidrás que tamén destacou o vínculo que con sectores profesionais da cidade de Vigo manteñen a maior parte dos mestrados. Máis de 300 estudantes cursan na actualidade algunha desta titulacións, aínda que as solicitudes de matrícula achéganse ás 800.

Forte relación co sector empresarial

Na presentación da oferta docente da nova escola, o director da ETS de Enxeñeiros Industriais, Luís González Piñeiro, destacou o elevado número de convenios con empresas que na actualidade teñen asinados os dous centros para a realización de prácticas do alumnado e “que tamén facilitan a súa posterior incorporación ao mercado laboral”.
No Consello de Goberno celebrado a pasada semana a secretaria xeral da Universidade de Vigo deu conta deu conta do inicio do proceso de creación do centro único para impartir a docencia do ámbito da enxeñaría industrial. Un proceso no que durante un mes se poderán presentar alegacións e que concluirá coa aprobación da creación da nova escola por parte do Consello de Goberno e da Xunta de Galicia.