DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é visibilizar a presenza feminina nos ámbitos de traballo das titulacións do centro

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entrega os seus premios de fotografía Mulle.RME 2024

A imaxe gañadora foi ‘O Comezo’ , de Aránzazu Berrocal, nos túneles do AVE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI 21/03/2024

Dentro das actividades programadas na Universidade de Vigo con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía acolleu o acto de entrega de premios do certame de fotografía Mulle.RME. 

Esta iniciativa, posta en marcha pola escola en 2019, ten como finalidade dar visibilidade ás mulleres nas profesións técnicas, principalmente nos ámbitos de traballo relacionados coas titulacións que se imparten no centro, é dicir, enxeñería de minas, materiais e enerxía. Nesta sexta edición a imaxe gañadora foi a presentada por Aránzazu Berrocal, titulada O Comezo. No transcurso do evento, que tivo lugar no vestíbulo do centro coa presenza de profesorado, PAS e estudantado, a autora da fotografía presentou e explicou a súa obra, que amosa a súa actividade como profesional na execución dos túneles do AVE.

O acto estivo guiado pola subdirectora de Divulgación Científica da escola, Raquel Pérez-Orozco, que foi a encargada de anunciar os gañadores e entregar os premios, e agradeceu a todas as persoas que participaron no concurso e aos membros do xurado polo seu traballo de avaliación. O segundo premio foille outorgado á estudante da EEME Amanda Franco Sardinha, que presentou unha imaxe titulada Rostros detrás de la investigación. A gañadora recibe un premio valorado en 300 euros xunto cun diploma, mentres que a segunda clasificada obtén 150 euros. Ademais, o xurado decidiu conceder un accésit á fotografía Destrucción controlada, realizada por Carmen María Mariño Martínez.

O acto rematou coa intervención de Generosa Fernández, enlace de Igualdade da escola e coa proxección do corto Diferencia, dirixido por Isabel Alberro en 2017.

As propostas, reunidas nunha exposición

Todas as fotografías presentadas a esta sexta edición do certame Mulle.RME recóllense nunha exposición que se pode visitar dende hoxe no vestíbulo da escola. Ademais, o centro tratará de darlles toda a visibilidade posible empregándoas en cartelaría e campañas promocionais do centro.