DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñería Industrial ensina todos os seus segredos aos futuros estudantes

Alumnos e alumnas de secundaria coñeceron o centro e a súa oferta académica

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 18/06/2013
A menos de tres días de coñecer as notas de Selectividade, moitos mozas e mozas están ante unha das decisións máis importantes para o seu futuro, a de elixir carreira. E para que a decisión se asente sobre o coñecemento, a Escola de Enxeñería Industrial celebrou este martes unha xornada de portas abertas para presentar as súas instalacións e a súa oferta académica aos que poden ser os seus futuros inquilinos, aqueles que estean pensando cursar algunha enxeñería e non saiban que rama e tamén para aqueles dispostos a explorar calquera alternativa académica.

O director da EEI, Juan Pou, foi o encargado de recibilos e facerlles un repaso poa historia non só do centro, senón da propia enxeñería, de amosarlles que “enxeñería industrial paga a pena, é unha carreira que ten como obxectivo facer máis fácil a vida á xente; é algo máis que motores, graxa e máquinas”. Tras a charla, os estudantes de secundaria divididos en varios grupos realizaron unha visita guiada polas instalacións do centro na súa sede do campus e por varios dos seus laboratorios.

A enxeñería está detrás de todo

“Dende que nos levantamos, e acendemos a luz, estamos botando man da enxeñería”. Así llelo explicaba o director do centro aos mozos e mozas, porque “hai cousas que damos por feitas na civilización e sen pensar que detrás de moitas delas hai centos de miles de persoas, de enxeñeiros que traballaron e traballan para que todo iso sexa posible”. Dende a xeración de calquera tipo de enerxía, ben sexa solar, hidráulica, fotovoltaica, nuclear, etc ata algo tan común como os teléfonos móbiles, “en todo está a enxeñería”. E é que como lles indicaba Juan Pou, “os estudos de enxeñería teñen máis de 150 anos, non van coas modas, teñen superado moitas crises e van seguir aí, porque os nosos titulados teñen unha preparación moi ampla e son capaces de reciclarse moi facilmente e adaptarse ao mercado laboral”.

Entre os múltiples exemplos que Pou lles ofreceu estaban Enrico Fermi, pai da mecánica cuántica, ou Isaac Rabi, da resonancia magnética nuclear, “grazas ao que existen na actualidade este tipo de equipos nos hospitais”. Así, o responsable do centro fixo un percorrido polas múltiples ramas da enxeñaría que pasan pola enerxía, a eléctrica, a xeración de novos materiais, o deseño, a mecánica ou a química industrial.

A escola técnicas máis antiga de Galicia

A Escola de Enxeñería Industrial é o centro máis grande de Galicia e oferta seis titulacións de grao, once de mestrado e tres programas de doutoramento. Conta arredor de 4500 estudantes matriculados e preto de 400 profesores. “Aquí estamos para que vos formedes, para que investiguedes, para facer proxectos con empresas.... pero sempre valorando o mérito dos estudantes por riba de todo”, porque os mellores serán os primeiros en elixir as prácticas en empresas, de mobilidade internacional, grupos de docencia, etc.

A EEI, cunha sede no campus e outra na cidade, é o resultado da fusión entre a Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, aprobada en 2010. Pero o seu legado ten máis de 100 anos, os que ten de historia a Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial de Vigo, e á que en 1976 se suma a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais. Na actualidade, e tras a adaptación ao EEES e a conseguinte fusión, a escola imparte os graos en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais, Enxeñería en Organización Industrial, Enxeñería Eléctrica, Enxeñería Mecánica, Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñería en Química Industrial. Ademais, o centro ten unha ampla oferta de mestrados profesionalizantes (Contaminación industrial: avaliación, prevención e control; Dirección e xestión da loxística e a cadea de subministro; Enerxía e sostenibilidade; Enxeñaría da edificación e construcións industriais; Mecatrónica; Prevención de riscos laborais; Tecnoloxías avanzadas de procesos de deseño e fabricación mecánica; Tecnoloxías e procesos na industria do automóbil) e tres máster de investigación (Enxeñaría Química, Enxeñaría Térmica e Investigación en tecnoloxías e procesos avanzados na industria).

Neste curso 2012-2013 a Escola de Enxeñaría Industrial despediu a preto de 600 titulados total, máis de 200 alumnos e alumnas da promoción 2008-2013 das seis titulacións de grao e case 400 das oito promocións dos mestrados profesionalizantes 2012-2013 e dos tres de investigación 2011-2013 e 2012-2013.