DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bombeiros, Policía Local e 061 colaboraron na evacuación do edificio

A Escola de Enxeñería Industrial mide a súa capacidade de reacción nun simulacro de incendio

En apenas cinco minutos os equipos de emerxencia da escola remataron o desaloxo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Anabel Vila DUVI 16/03/2011
Incendio nun laboratorio de mecánica, tres alumnos feridos e outro atrapado na segunda planta. Todos os equipos de emerxencia da Escola de Enxeñería Industrial póñense en movemento e en apenas cinco minutos o edificio está desaloxado e as vítimas recibindo os primeiros auxilios. Para cando chegan a Policía Local, o 061 e os bombeiros a súa única dificultade é acceder ao punto onde se iniciou o lume para poder sufocalo e levar a cabo as evacuacións necesarias. Tratouse dun simulacro, e aínda que se descubriu que queda traballo por diante, ao rematalo as sensacións foron moi boas.

O desaloxo realizouse en moi pouco tempo, as portas que comunican coa ETS de Enxeñería de Minas estaban controladas e membros dos equipos de emerxencia vixiaban todas as entradas e saídas para evitar que ninguén tratase de acceder ao edificio e que as correntes de aire propagasen o fume. Como era de esperar houbo pequenos atrancos, pero iso corríxese coa práctica.

Todo empezou ben. En canto soou a alarma os membros dos equipos de emerxencia achegáronse á conserxería, punto de encontro e dende onde se repartiron por todo o edificio para comezar a evacuación. Mentres, un retén quedou encargado de chamar aos bombeiros, Policía Local e 061, e o que encabezaba Luis González, director da escola, dirixíase ata o lugar do incendio para avaliar a situación. Coa axuda dun extintor reduciron a intensidade do lume e puideron rescatar aos feridos, pero aínda quedaba un estudante atrapado.

Primeiro chegou a Policía Local, que se encargou de dirixir o tráfico nos accesos á escola e de acompañar aos membros do 061 ata as vítimas. Tras eles os bombeiros, que non sen atrancos, debido aos vehículos mal aparcados, accederon ás inmediacións do edificio. O rescate do único atrapado, ata o cal chegaron unha vez reducidas as lapas, puxo punto e final a este exercicio.

Un traballo a longo prazo

Este non é o primeiro simulacro que se leva a cabo na Universidade, nin será o último. Xosé Manuel García Vázquez, vicerreitor de Economía e Planificación, foi un dos desaloxados e ao finalizar recoñecía que “son exercicios importantes, fundamentais, porque temos edificios grandes, con moito persoal. É clave practicar para saber dar resposta a este tipo de situacións”. O certo é que na memoria de todos está o terremoto de Xapón e a resposta inmediata dos cidadáns á hora de evacuar edificios. “É un proceso longo e paulatino. Temos que traballar en desenvolver plans de emerxencia e de intervención para actuar en caso de crise”, sinalaba.