DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 7 ao 8 de outubro en Cacabelos e Ponferrada

A Escola Fermín Penzol lembra esta fin de semana o poeta Antonio Fernández Morales

No 150 aniversario da publicación de 'Ensaios poéticos en dialecto berciano'

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 04/10/2011
En 1861 publicábanse Ensayos poéticos en dialecto berciano, dous anos antes de que Rosalía editara Cantares Gallegos, o 17 de maio do 1863, converténdose o texto de Antonio Fernández Morales nun referente e precursor do Rexurdimento da literatura en galego. Este feito pouco coñecido non pasa desapercibido para a Escola Permanente Fermín Penzol, que nesta súa sexta edición se centra no escritor berciano cando se cumpren 150 anos da publicación desta obra pioneira.

Dende o venres e ata o domingo os concellos de Cacabelos e Ponferrada renderán tributo ao poeta do Bierzo, lembrando a súa importante produción literaria desenvolvida principalmente en galego ou no dialecto berciano. Os textos de Antonio Fernández Morales conseguiron tamén dignificar a fala da xente común e recollen e poñen en valor tradicións e costumes da súa terra.

Na mañá do venres arrancará esta 6ª Escola Fermín Penzol coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín que será o encargado de dar a benvida aos asistentes e de facer un repaso por algúns dos arraianos máis representativos da cultura galega, como o propio Fernández Morales, Sarmiento ou González-Alegre. Ao longo dos tres días sucederanse conferencias, debates e presentacións así como actividades musicais e lúdicas. Na primeira xornada presentarase o libro O galego do Eo-Navia, Bierzo Occidental, As Portelas e Calabor e o Val do Ellas: historia, breve caracterización e situación sociolingüística actual mentres que o sábado sairá á rúa un número especial da revista Xarmenta en homenaxe a Antonio Fernández Morales.

Entre os relatores e conferenciantes que participarán neste evento están o historiador José Antonio Balboa de Paz; o catedrático da USC e académico da RAG, Francisco Fernández Rei; o escritor e profesor da Universidade de Vigo, Anxo Angueira; o maxistrado-xuíz do TSX do País Vasco, Luis Villares; o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Paulo Cabral ou o académico da RAG, Héctor Silveiro. Coas súas achegas, os asistentes poderán coñecer a vida, a obra e tamén a contorna xeográfica e cultural do escritor berciano, abarcando temas como as características da lingua galega no Bierzo e a súa protección, a importancia de Fernández Morales no sistema literario galego, ou a representación da paisaxe e a natureza do Bierzo na obra de Morales.

A música, moi presente

Ademais de descubrir unha placa na honra do escritor na súa casa natal e dunha visita ao Museo Arqueolóxico de Cacabelos, o programa inclúe varias actividades moi relacionadas coa música, sempre moi presente na obra de Fernández Morales. O venres terá lugar un concerto homenaxe en Ponferrada coa estrea da obra Cantigas Bercianas, con letra de Fernández Morales e música de Enrique de Tena Peris, recital que será gravado para o programa da Radio Galega, Concerto Popular. O domingo, a compoñente musical concretarase nunha homenaxe poética-musical no cemiterio de Hedrada, coa Escola de Gaitas de Vilafranca e a intervención de Anxo Angueira.

O Coro da Universidade de Vigo foi pioneiro este ano na musicalización de poemas de Fernández Morales. No concerto de fin de curso interpretáronse por primeira vez en público as orquestracións de Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca, adaptadas por Carlos Cambeiro e coas que a Universidade rendiu a súa homenaxe ao poeta.

Prazos e prezos

O prazo de matrícula na 6ª Escola Permanente Fermín Penzol permanece aberto ata este mércores. A inscrición é libre e gratuíta para os universitarios e universitarias de Galicia, León e Asturias e de 10 euros para o público en xeral, pero a organización concederá 20 bolsas de 100 euros aos mellores expedientes académicos.

As inscricións poden realizarse a través do enderezo electrónico da Área de Normalización Lingüística (anl@uvigo.es), que organiza este evento en colaboración coa Xunta de Galicia e a Escola Fermín Penzol.