DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A preinscrición estará aberta ata o vindeiro 16 de abril

A Escola Infantil do campus abre o prazo para as novas solicitudes

A comunidade universitaria dispón dun total de 28 prazas para os tres módulos de idade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 23/03/2011

A primeira Escola Infantil da campus abriu este martes o prazo de preinscrición de novas solicitudes para o vindeiro curso 2011-2012. Tras unha reunión á que asistiron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco e representantes do Concello e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, estableceuse a distribución de prazas vacantes para os novos usuarios procedentes da comunidade universitaria e da cidadanía pontevedresa. Un total de 28 prazas ofrecerá a Universidade para o vindeiro ano, podéndose preinscribir ata o vindeiro 16 de abril.

Unha vez que se pechou o período de reserva e renovación para os nenos e nenas que xa cursaran este ano na escola, ofertáronse as vacantes dispoñibles “e soamente en dous días xa se recibiron dezaseis solicitudes, catro procedentes da comunidade universitaria”, aclarou Antonia Blanco. Deste xeito, respectando á distribución inicial de 60% para persoal da comunidade universitaria e 40% para a cidadanía pontevedresa, a Universidade ofrece cinco prazas no curso de 0 a 1 anos; sete no curso de 1 a 2 anos e 16 nas dúas clases de 2 a 3 anos. Como ben apuntou a vicerreitora, “en contraposición co primeiro ano no que non cubrimos todas as prazas ofertadas por empezar nun período intermedio, para o curso 2011-2012 estimamos unha maior demanda porque xa se tratan de matriculacións para todo o ano escolar”.

Actualmente atópanse cubertas 44 prazas, habendo no módulo de 0 a 1 anos unha praza cuberta pola Universidade e seis por parte do concello; no módulo de 1 a 2 anos, cinco nenos da parte universitaria e vinte da cidadanía pontevedresa e, no curso de 2 a 3 anos, dúas prazas por parte da institución universitaria e dez do Concello.

Calendario

Este martes 22 de marzo abriuse o prazo para que novos pais e nais interesados poidan matricular para o ano que vén os seus cativos na Escola Infantil do campus, prazo que se manterá aberto ata o vindeiro 16 de abril. O 9 de xuño farase pública a lista provisional de admitidos para que o 14 de xullo saia a lista definitiva de admitidos. Finalmente do 15 ao 29 de xullo abrirase o período de matrícula tanto para os que reservaron a praza ocupada do ano anterior como para os que realizaron unha nova solicitude para este curso que vén.